Rexeitamos a aprobación definitiva da RPT que consolida ao cuñado da alcaldesa de Ponteareas
O BNG vén de amosar o seu rexeitamento á aprobación definitiva da modificación da Relación de Postos de Traballo (RPT) de Ponteareas, que este mércores se publicou no Boletín Oficial da Provincia e que, en opinión do grupo nacionalista, “busca consolidar a colocación do cuñado da alcaldesa no cadro de persoal municipal, cun novo informe dunha concelleira que desdí un anterior”.
O Bloque explica que “para a incorporación do cuñado da alcaldesa, cunha excepcionalidade que non se cumpriu, a concelleira de medio ambiente realizara un informe xustificando a súa necesidade no departamento de medio ambiente, xa que a lexislación establecía que era o único departamento no que o podían colocar. Uns meses despois, o concelleiro de persoal recoñece que esa persoa nunca estivo realizando funcións nese departamento, e propoñen trasladalo ao departamento de servizos tecnolóxicos, para así consolidar a súa colocación no Concello.”
“Agora, á vista de que poderían incorrer en fraude de lei, a concelleira volve facer un informe xustificando que si estivo no departamento, e sinala que realizou oito tarefas en oito meses. A realidade é que se dedicou á propaganda, fotografía e comunicación do goberno local”, sinala o BNG, detallando as tarefas nas que se demostra a participación deste empregado. “Contratos de comunicación, realización de fotografías e gravación de actos, intermediación con medios de comunicación, participación en actos oficiais, recepción de persoas ou xestión de comunicados de prensa, protocolo e propaganda son algunhas das funcións que realizou o cuñado da alcaldesa e que nada teñen que ver coas funcións do departamento de medio ambiente nas que estaba colocado”, indica a formación nacionalista.
Así mesmo, o BNG sinala que “o traslado para o departamento de servizos tecnolóxicos, actualizándolle as funcións deste posto, demostra un reingreso fraudulento ao Concello e unha farsa cando o goberno de Nava Castro xustificaba a necesidade do seu cuñado para realizar traballos de medio ambiente”.
O Bloque lembra que esta manobra do goberno de PP, ACIP e IP “non conta co respaldo das e dos representantes do persoal municipal” e asegura que “forma parte do regreso ao pasado no que a dereita quere sumir a Ponteareas, coa implicación das mesmas persoas que hai décadas xa protagonizaban escándalos de enchufismo e corrupción na administración local xunto ao pai da actual alcaldesa, José Castro”.