O BNG proporá no Parlamento Galego a renovación do CEIP Nosa Sra. dos Remedios
O BNG, a través da deputada e concelleira ponteareá Cristina Fernández, defenderá este mércores unha iniciativa no Parlamento Galego para que a Xunta asuma as súas competencias en materia de educación e realice as obras necesarias no CEIP Nosa Sra. dos Remedios, que acolle a 400 alumnos e alumnas.
“Dada a antigüidade destas instalacións, de case 60 anos, o centro ten cada vez máis necesidades a causa do escaso illamento térmico do edificio, que provoca humidades e supón unha gran perda da temperatura interior.” Por iso, o BNG propón na súa iniciativa a planificación dunha reforma integral, con obras de eficiencia enerxética que inclúan o cambio de ventás e persianas ou a instalación unha calefacción máis eficiente e sostible que substitúa o actual sistema obsoleto.
O Bloque sinala que “entre as múltiples necesidades, que a dirección do centro traslada recorrentemente á Xunta e que o PP ignora, tamén se atopan obras como a actualización dos baños e espazos interiores ou mellora da accesibilidade no edificio de primaria”.
A deputada e portavoz de educación do BNG no Parlamento Galego, Cristina Fernández, sinalou que “a mellora das instalacións educativas ten que ser unha prioridade neste mandato, polo que dende o goberno alternativo do BNG centraremos o noso traballo en trasladar á Xunta as nosas propostas para que atenda todas as necesidades da comunidade educativa e mellore a calidade do ensino público galego e o benestar do alumnado e profesorado”.