Ponteareas deixou máis dun 30% de axudas sen executar en 2024

Xosé Carlos Vázquez Míguez

O BNG considera “propaganda” o plan de subvencións para 2025 cando en 2024 o goberno de Castro deixou sen executar partidas para axudas ao deporte, emerxencia social ou libros e material escolar

Ponteareas deixou máis dun 30% de axudas sen executar en 2024

O BNG lamentou que o goberno de Ponteareas deixase sen executar máis dun 30% do orzamento destinado a axudas e subvencións en 2024.

O concelleiro do BNG, Xosé Carlos Vázquez, sinalou que “o goberno de Nava Castro e a dereita aprobou uns orzamentos para 2024 que destinaban 634.000 euros a transferencias correntes, é dicir, a axudas e subvencións. Ao remate do ano, segundo puidemos comprobar coa nosa labor de fiscalización, máis de 200.000 euros quedaron sen executar, tal como recollen os propios documentos municipais”.

Vázquez puxo como exemplo as axudas de apoio ao deporte, das que o goberno eliminou o 30% para destinalo a outros gastos; as axudas de emerxencia social, das que o goberno eliminou un 43% do importe previsto; ou as axudas para libros e material escolar, das que o goberno deixou sen executar a 31 de decembro o 98% do importe previsto, tendo comprometidos só 425 euros dos 20.000 orzamentados inicialmente.

“Á vista dos datos, queda claro que o goberno unicamente pretende facer propaganda cando anuncia agora un plan estratéxico de subvencións para 2025 dotado con 800.000 euros”, sinalou o concelleiro do Bloque. Xosé Carlos Vázquez indicou que “o realmente importante é concretar esas cifras anunciadas en axudas reais ás veciñas e veciños. De pouco valen os anuncios propagandísticos se na realidade deixan sen executar máis dun 30% como fixeron no 2024”.

O concelleiro nacionalista denunciou tamén a negativa do goberno de Castro a incluír no orzamento as propostas do BNG para recuperar as axudas a colectivos sociais eliminadas tras a chegada da dereita ao goberno local, como son as subvencións a asociacións que prestan axuda no ámbito social ou aos colectivos veciñais para investimentos en infraestruturas no rural.

Ponteareas deixou máis dun 30% de axudas sen executar en 2024