O goberno de Nava Castro perdeu máis de 700.000 euros de fondos europeos EDUSI

undefined

O BNG revela a perda de centos de miles de euros por irregularidades do goberno, segundo documentación oficial

As perdas aínda poderán ser maiores cando avancen as inspeccións

O goberno de Nava Castro perdeu máis de 700.000 euros de fondos europeos EDUSI

O BNG desvelou este luns que o goberno de Ponteareas perdeu máis de 700.000 euros dos fondos europeos correspondentes á Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostíbel Integrado (EDUSI) “Ponteareas Hábitat Saudábel”.

O portavoz municipal do BNG, Miguel Bouzó, detallou que “segundo se recolle nos documentos oficiais aos que tivemos acceso, Ponteareas deixou sen executar máis de 400.000 euros que lograra o anterior goberno do BNG e que o goberno de Nava Castro e a dereita non foron capaces de utilizar”. Ademais, Bouzó afirma que “perderon case 200.000 euros por irregularidades, por non presentar documentación ao Ministerio e polo cambio de uso do edificio da Praza Maior, destinado polo BNG a un Centro Cívico para mocidade, asociacións, cultura e benestar social, ao que o goberno de Castro decidiu colocarlle camas e crear dormitorios para un albergue con pensión completa para artistas”.

Así mesmo, o Bloque informa que o goberno local perdeu case 100.000 euros por non pagar a tempo facturas de traballos xa executados en diferentes operacións. O conxunto das perdas implicará “que os gastos que foron realizados na estratexia europea e para os que se contaba con financiamento teñan que asumirse con fondos municipais, impedindo destinar ese diñeiro a outras necesidades da veciñanza”.

O BNG, que á vista das accións do goberno xa asegurara en decembro que se perderían fondos, advirte agora que “as perdas aínda poderán ser maiores unha vez que a autoridade de xestión do Ministerio audite o destino correcto dos fondos”.

O portavoz do Bloque sinalou que “o BNG logrou a maior axuda de fondos europeos da historia de Ponteareas, conseguindo mobilizar seis millóns de euros para implementar accións de cara a transformar Ponteareas nun concello sostíbel, moderno e inclusivo, cunha maior calidade de vida. Pola contra, a chegada da dereita ao goberno na fase final desta estratexia supuxo a perda dunha imporante parte destes fondos pola súa incapacidade para xustificar todas as accións realizadas”.

Así mesmo, Bouzó afirmou que “os cambios para satisfacer os caprichos e ocorrencias electorais de Nava Castro supuxeron o atraso na execución das accións que estaban en marcha para rematar con tempo suficiente antes da finalización do prazo de execución. A súa obsesión con desfacer o traballo que estaba encamiñado polo anterior goberno supón un atranco ao futuro cheo de posibilidades co que contaba Ponteareas e provoca perdas de centos de miles de euros dos cartos de todas e todos”.

O BNG xa esixiu ao goberno local que facilite toda a documentación do estado de todos os expedientes ligados aos fondos europeos, e adiantou que nos vindeiros días dará a coñecer publicamente novas irregularidades.

O goberno de Nava Castro perdeu máis de 700.000 euros de fondos europeos EDUSI