O goberno de Nava Castro oculta con propaganda a súa nefasta xestión económica

Xosé Carlos Vázquez (1)
Xosé Carlos Vázquez

O Bloque amosa datos de Intervención con resultados negativos no 2024

O goberno de Nava Castro oculta con propaganda a súa nefasta xestión económica

O BNG denunciou publicamente a estratexia de manipulación informativa do goberno de Nava Castro e a dereita, ao que acusa de “maquillar as cifras e ocultar datos relevantes” para ofrecer unha imaxe irreal da situación económica do Concello.

Tras o anuncio oficial dun suposto superávit de 2 millóns de euros no exercicio 2024, o concelleiro do BNG, Xosé Carlos Vázquez, desmonta ese relato con datos extraídos do informe oficial da Intervención Municipal, que revelan unha realidade moi distinta.

“A análise rigorosa das contas oficiais demostra que o resultado orzamentario axustado é negativo en case 350.000 euros, e que o remanente de tesourería axustado tamén presenta un saldo negativo de case 280.000 euros pola existencia de facturas pendentes. Estas cifras amosan claramente que as contas están desequilibradas”, explica Vázquez.

Táboa informe Interventora
Táboa informe Interventora
Remanente informe Interventora
Remanente informe Interventora

Segundo o edil, a débil situación financeira do Concello só puido ser parcialmente disimulada pola chegada de ingresos extraordinarios procedentes de accións do anterior goberno liderado polo BNG. En concreto, durante o 2024 o Concello recibiu 2,5 millóns de euros dunha subvención estatal do IDAE para a mellora da eficiencia enerxética e a renovación do alumeado público con tecnoloxía LED, xestionada polo anterior goberno do Bloque, así como 1,2 millóns de euros pola liquidación positiva da Participación nos Tributos do Estado do exercicio 2022.

“Mesmo con case 3,7 millóns de euros de ingresos extraordinarios, as contas non acadaron equilibrio. Se non fose polas xestións realizadas polo goberno anterior, os números serían aínda máis alarmantes”, subliña o concelleiro do Bloque.

O BNG tamén advirte sobre prácticas de xestión cuestionables reflectidas no informe de Intervención, como gastos tramitados sen a cobertura orzamentaria necesaria, contratacións irregulares prescindindo do procedemento legalmente establecido e facturas que quedaron sen rexistrar no orzamento por parte do goberno local.

“En lugar de asumir responsabilidades e adoptar medidas de control de gastos innecesarios, o goberno de Nava Castro prefire seguir instalado na propaganda e subir brutalmente os impostos á veciñanza, como a Contribución (IBI), o imposto de obras (ICIO) ou a taxa do lixo, mentres os servizos públicos seguen deteriorándose”, denuncia Vázquez.

Desde o BNG esixen ao goberno local transparencia, rigor e responsabilidade no uso dos recursos públicos e o fin da manipulación mediática. “A veciñanza de Ponteareas merece coñecer a verdade sobre as contas municipais e contar cun goberno que xestione con seriedade, e non que engane ocultando a realidade económica do Concello”, conclúe o concelleiro nacionalista.

O goberno de Nava Castro oculta con propaganda a súa nefasta xestión económica