Cristina Fernández denuncia desatención ás crianzas por falta de pediatras en Ponteareas
A deputada do Bloque reclama solucións urxentes no Parlamento Galego
A deputada do BNG no Parlamento Galego, Cristina Fernández Davila, vén de reclamar solucións urxentes ante a situación de “desatención pediátrica” que sofre o Centro de saúde de Ponteareas, onde moitas familias levan semanas sen acceso axeitado ao servizo de pediatría.
Nunha comparecencia diante das instalacións sanitarias, acompañada de membros do BNG das comarcas do Condado e A Paradanta, Fernández Davila denunciou que “a falta de cobertura das prazas de pediatría no centro de saúde de Ponteareas está a provocar que centos de nenos e nenas queden sen atención médica especializada, obrigando ás familias a desprazarse a Vigo ou a acudir a urxencias en casos que deberían ser atendidos por pediatras”.
“Falamos dun servizo esencial. Non se pode normalizar que unha vila como Ponteareas, con máis de 20.000 habitantes, quede sen pediatras ou teña un só pediatra substituto”, advertiu a deputada nacionalista. A situación agrávase, segundo explicou Fernández, ao ter que asumir tamén a atención de nenas, nenos e adolescentes doutros concellos da comarca, debido á carencia de pediatras nos seus respectivos centros de saúde.
Desde o BNG critican a inacción da Xunta de Galiza, á que acusan de desmantelar a sanidade pública, especialmente no ámbito da atención primaria. “Esta situación é a consecuencia directa de anos de recortes, falta de previsión e desprezo polos servizos públicos”, sinalou Cristina Fernández.
A deputada e líder do BNG ponteareán anunciou a presentación de iniciativas parlamentarias para esixir ao goberno galego a cobertura inmediata das prazas de pediatría vacantes e garantir que Ponteareas conte cun cadro de persoal médico estable e suficiente para atender á súa poboación infantil.
“A saúde das crianzas non pode depender da sorte nin do esforzo das familias. É unha responsabilidade da administración pública e imos seguir reclamando o que é xusto para Ponteareas e a súa comarca”, concluíu.