Cristina Fernández, candidata do BNG para revalidar a alcaldía de Ponteareas
O BNG destaca que foi a persoa de confianza de Represas e coa súa experiencia demostrou capacidade, honestidade e seriedade
A alcaldesa de Ponteareas, Cristina Fernández Davila, será a candidata do BNG nas eleccións do vindeiro mes de maio.
Tras ratificalo por aclamación a asemblea da formación nacionalista, Cristina Fernández sinalou que “ser a alcaldesa deste concello é a maior honra que podo ter como veciña de Ponteareas” e afronta esta etapa “coa ilusión que xera un gran proxecto e coa responsabilidade de continuar a inmensa labor realizada dende o 2015, coa que acadamos grandes logros para devolverlle a Ponteareas o prestixio perdido”.
A alcaldesa e candidata do BNG relatou que “convertemos Ponteareas nunha vila viva e dinámica, con máis calidade de vida, máis e mellores servizos e máis actividade económica. Logramos fitos históricos como a aprobación do Plan urbanístico, o acordo para a ampliación da depuradora, ou o cambio a LED de toda a iluminación pública na vila e nas parroquias, converténdonos nun concello exemplar e na vangarda fronte a emerxencia do cambio climático”.
“En Ponteareas nunca se fixera tanto en tan pouco tempo, pero non me conformo porque sei que aínda queda moito por facer”, asegurou Fernández Davila. “Temos que seguir nese camiño. Contamos con proxectos ilusionantes, e quero aportar toda a miña experiencia destes anos porque Ponteareas non pode perder as grandes posibilidades que abrimos nesta etapa”, concluíu.
Cristina Fernández Davila leva dez anos na Corporación Municipal, formando parte do goberno de Xosé Represas durante seis e sendo alcaldesa dende o 2021. Dende o BNG destacan a grande experiencia municipal da alcaldesa, a súa capacidade, honestidade e honradez como garantía de que Ponteareas siga avanzando nas mellores mans. “Cristina Fernández foi a persoa de confianza de Xosé Represas durante todos estes anos, e demostrou unha gran valentía e responsabilidade tomando o seu relevo na alcaldía nun momento de grandes dificultades. Ela representa a sensatez e serenidade que coñeciamos en Represas, demostrando a mesma capacidade de diálogo e consenso para resolver as necesidades das veciñas e veciños de Ponteareas”.