O BNG lamenta que o PP utilice o Corpus con fins electorais
Lembran que a festa e a súa expresión artística é de toda a veciñanza e sobre todo das persoas alfombristas
O BNG de Ponteareas lamentou que “o PP utilice o Corpus con fins electoralistas”. Os nacionalistas saen así ao paso da petición que os populares fixeron á Xunta para que se aprobe a declaración do Corpus como Ben de Interese Cultural (BIC). Segundo o BNG, esa solicitude foi feita polo goberno municipal en 2017, 2018 e 2022 sen que até agora a Xunta dera unha resposta até a pasada semana na que convocaron á alcaldesa para unha reunión na que lle trasladaron a intención de realizar a declaración nos próximos meses.
“Diante da evidencia de que a Xunta terá que declarar BIC as alfombras do Corpus de Ponteareas, o PP a última hora súbese ao carro de maneira oportunista e pretende aparecer como o conseguidor, faltando ao respecto aos e ás aflombristas que son os verdadeiros protagonistas deste logro e pretendendo competir con eles”, sinala o Bloque.
Por outra banda o BNG explicou que “unha vez máis o PP demostra que non está capacitado para gobernar na Xunta, despois de que os seus responsábeis recibiran primeiro aos seus amigos do PP ponteareán en lugar da alcaldesa, que representa ao pobo, para tratar sobre a declaración de Bens de Interese Cultural”. En opinión dos nacionalistas “ese comportamento non é unha falta de respecto á Alcaldesa senón ao pobo de Ponteareas e ás persoas alfombristas”. O BNG anima aos ponteareáns a rexeitar eses comportamentos o vindeiro ano nas eleccións autonómicas retirando ao PP do goberno da Xunta.