GRAZAS A QUE APROBAMOS O PLAN URBANÍSTICO, AS INSTALACIÓNS SERÁN DE TITULARIDADE MUNICIPAL

Converteremos Aceros del Tea nun equipamento sociocultural emblemático e innovador

naves-aceros-del-tea
  
Converteremos Aceros del Tea nun equipamento sociocultural emblemático e innovador

No marco do programa EDUSI ‘Ponteareas, Hábitat Saudable’, o Concello transformará a nave de Aceros del Tea nun equipamento sociocultural e de lecer que “marcará un antes e un despois na historia de Ponteareas”, segundo a alcaldesa Cristina Fernández Davila.

As instalacións industriais, situadas no corazón do centro urbano e coñecidas como Granitos de Galicia e Aceros del Tea, conforman unha amplísima zona que, grazas ao novo PXOM, experimentarán “unha profunda transformación nos vindeiros anos, coherente co novo urbanismo sustentábel e racional” que impulsa o goberno local do BNG-PSOE. Grazas ao Plan Xeral, parte desas instalacións industriais pasan a ser de titularidade municipal. Ademais do actual aparcadoiro, o Concello disporá das instalacións de Aceros, consistentes nunha torre de oficinas e unha nave cunha superficie duns 1.500 m2, xunto cunha gran balsa de decantación situada entre a nave e a Estación de Autobuses.

O pasado ano o Concello redactou un anteproxecto no que se definiron as grandes liñas de intervención sobre as instalacións para convertelas nun equipamento emblemático, contemporáneo e innovador, recuperando o edificio, respectando a súa imaxe exterior industrial e aproveitando o seu interior “para transformalo nun espazo excepcional da vila de Ponteareas”, salienta a rexedora.

Os ámbitos de actuación previstos son catro. Por unha banda crearase unha extensa praza diáfana e cuberta baixo as tres naves destinada a todo tipo de eventos sociais e artísticos, concertos, feiras ou festivais e que, en ausencia de programación, funcionará coma unha praza pública cuberta. En segundo lugar, a balsa de decantación situada entre a nave e a Estación de Autobuses converterase nun escenario ao aire libre con bancadas. Por outra banda, unha das naves e a torre das antigas oficinas acollerán espazos pechados, illados termicamente e insonorizados destinados a aulas, obradoiros, conferencias ou clases maxistrais. Por último, a intervención tamén abordará o espazo exterior na Avenida de Galicia e a rúa Carballos, xerando novas zonas peonís, axardinadas e de estancia que darán visibilidade ao conxunto das instalacións e facilitarán o acceso das persoas.

Partindo do anteproxecto, o Concello dá agora un novo paso coa licitación da redacción do proxecto básico e de execución así como da dirección de obra, por importe de 51.500 euros cofinanciados por fondos FEDER a través do programa EDUSI ‘Ponteareas, Hábitat Saudable’. As empresas e as e os profesionais interesados poderán presentar as súas propostas ata o vindeiro 6 de maio ás 14.00 horas. O obxectivo do goberno do BNG-PSOE é licitar as obras unha vez se reciba o proxecto.

Converteremos Aceros del Tea nun equipamento sociocultural emblemático e innovador