Castro e o PP pretenden deixar á veciñanza de Ponteareas sen Centro Cívico na Praza Maior
Segundo recollen os medios, o PP pretende cambiarlle o uso por unha “residencia de artistas”
O BNG amosou a súa sorpresa ante o anuncio do PP de cambiar o uso do edificio que está en rehabilitación na Praza Maior de Ponteareas, onde estaba previsto que se habilitara un Centro Cívico.
O Bloque lembra que o edificio, de tres plantas e 900m2, dotaríase con distintos servizos municipais e actividades, como un espazo para a mocidade nunha das plantas, salas para obradoiros, cursos e reunións para as asociacións e colectivos noutra das plantas e servizo de atención temperá, oficina de información e espazo de exposicións na planta baixa. “Agora o PP, no seu afán por desfacer todo o que puxo en marcha o BNG, pretende eliminar todos eses usos tan necesarios e demandados para converter o edificio nunha `residencia de artistas´,
A obra do Centro Cívico, iniciada durante o goberno liderado polo BNG, xurdiu para dar resposta á necesidade de Ponteareas de contar cunhas novas instalacións que acollan e faciliten a actividade social, cultural ou formativa que promoven o Concello e as diferentes asociacións. “Levouse a cabo un longo proceso que contou coa participación de diversas entidades, asociacións e do Consello da Infancia e Adolescencia de Ponteareas, por seren os principais destinatarios deste espazo. Non entendemos por que Nava Castro e o PP queren castigar ás asociacións de Ponteareas, aos miles de mozas e mozos ponteareáns ou ás familias que necesitan o servizo de atención temperá e deixalos sen un espazo tan necesario”, denuncia o Bloque.
Agora, o goberno en minoría cambia o uso “sen ningún criterio, sen ningún tipo de participación social que o avale e sen ningún consenso coa Corporación Municipal, que coñeceu un cambio tan relevante para o futuro da vila a través dos medios de comunicación”, denuncian.
Ademais, o BNG advirte que “o uso estaba aprobado polo Ministerio no marco dos fondos europeos logrados para Ponteareas coa Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible Integrado `Ponteareas, Hábitat Saudábel´ e contaba coa autorización de Patrimonio para crear un Centro Cívico. Para poder levar a cabo unha residencia é necesario modificar o proxecto de execución e solicitar unha nova autorización a Patrimonio co novo uso. Estes novos trámites para cambiar a súa finalidade poderían chegar a pór en risco o financiamento da obra”, sinalan.
A formación nacionalista asegura que “o uso do edificio como Centro Cívico, cunha grande afluencia e un horario amplo, permitía tamén dar pulo á dinamización económica da vila, convertendo o centro urbano nun punto forte do desenvolvemento económico e social de Ponteareas”.
O BNG realizará ao goberno local unha ampla batería de preguntas sobre este asunto no pleno do vindeiro martes, e insta a Castro a “convocar dunha vez por todas a comisión de seguimento solicitada polos distintos grupos políticos da Corporación para dar conta do estado da execución dos fondos europeos da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible e Integrado”.