O BNG logra a unanimidade da Corporación ante a situación crítica do Centro de Saúde de Ponteareas

undefined
O que se precisa con urxencia son máis médicas e non un novo centro de saúde
O BNG logra a unanimidade da Corporación ante a situación crítica do Centro de Saúde de Ponteareas

O BNG logrou no pasado Pleno de Ponteareas a unanimidade da Corporación Municipal para demandar á Xunta que dote o Centro de saúde e o PAC de Ponteareas do persoal necesario para prestar unha atención sanitaria de boa calidade ante a situación “caótica e crítica” na que se atopa a sanidade pública na localidade.

O Bloque lembrou que “en agosto de 2021, suprimiuse a quenda de tarde no Centro de Saúde de Ponteareas tanto en Medicina Familiar como en Pediatría. O Partido Popular ocultou o recorte baixo unha suposta reorganización temporal, pero dous anos despois miles de persoas continúan sen asignación de persoal médico de familia”, sinalan.

A falta de persoal durante o verán agravou a situación de colapso no PAC de Ponteareas, que recibe a doentes doutras localidades que sofren a ausencia de persoal nos seus centros de saúde. “O deterioro das condicións laborais do persoal da sanidade pública, con contratacións precarias e abusivas para unhas consultas xa masificadas, fai aínda máis difícil ofrecer unha atención sanitaria de calidade, e condena á emigración ás e aos profesionais formados que queren acadar empregos dignos”, sinalou o BNG, que recollía entre os acordos da súa proposta instar á Xunta a  adoptar as medidas estruturais precisas para garantir unha contratación digna que permita ofrecer unha atención sanitaria de calidade e poña fin á precariedade laboral do persoal e á masificación das consultas.

Ante as manifestacións da concelleira do PP, Raquel Plana, asegurando que para solucionar o problema da sanidade se precisa un novo Centro de Saúde, o BNG replica que “o que se precisa con urxencia son médicas e médicos que atendan a poboación para que non teñamos que agardar semanas para poder ser atendidas no actual Centro de saúde”. Así mesmo, tras o anuncio do PP de cambio de localización dos terreos propostos para o novo Centro de Saúde, a formación nacionalista cuestiónase se a concelleira popular ten algún interese que poida explicar a súa présa pola construción desta nova infraestrutura na contorna dunha clínica privada.

O BNG logra a unanimidade da Corporación ante a situación crítica do Centro de Saúde de Ponteareas