O BLOQUE PRESENTA INICIATIVAS NOS DISTINTOS CONCELLOS AFECTADOS DA COMARCA
O BNG reúnese co Comité de Empresa de Madera Fiber e pide a implicación da Xunta para salvar os máis de cen postos de traballo
A deputada Cristina Fernández reclama a Industria que reciba aos traballadores e traballadoras e colabore na busca de inversores que permitan manter a unidade produtiva
A deputada do BNG no Parlamento Galego Cristina Fernández Davila mantivo nesta semana un encontro co Comité de Empresa de Madera Fiber Technologies (ex Faurecia Interior Systems), acompañada de portavoces municipais do Bloque en Ponteareas, As Neves, O Porriño e Salvaterra de Miño.
Na xuntanza, a deputada deu conta ás traballadoras e traballadores da presentación dunha batería de iniciativas rexistradas polo BNG no Parlamento para instar ao Goberno do PP a implicarse activamente na busca dunha solución que permita salvar a unidade produtiva e os máis de cen postos de traballo da empresa.
En concreto, a parlamentaria solicitou á Consellería de Industria que se reúna coa representación dos traballadores e traballadoras tanto como sexa necesario para coñecer a fondo a situación da planta, para a que solicitaron concurso de acredores, e incidir na busca de empresas inversoras que poidan estar interesadas, conservando a unidade produtiva e o emprego.
O BNG dirixe tamén as súas iniciativas á Consellería de Emprego, á que insta a mediar co fin de atopar unha solución a un conflito que se vén arrastrando dende xullo de 2021, cando o Grupo Faurecia comunicou ao comité de empresa a venda da unidade produtiva ao Grupo Callista Private Equity.
Ese foi o primeiro elo dunha cadea. Segundo explica Fernández Davila, dita venda foi materializada por un millón de euros e unha inxección de capital de case tres millóns por parte de Faurecia, que presentou aos traballadores un plan industrial para darlle viabilidade á planta do Porriño que nunca levou a cabo. Porén, “o que fixeron foi descapitalizar a planta vendendo os terreos da mesma en xullo de 2022 por un prezo inferior ao valor de mercado, de 2,4 millóns”, explica a deputada nacionalista, que denuncia como a empresa foi pasando dunhas mans a outras ata chegar á situación actual da firma, para a que foi solicitada concurso de acredores.
Seguindo o seu protocolo habitual e logo do abandono dos principais directivos ante a falta de expectativas, en febreiro de 2023 o fondo voitre alemán (Callista) abandonou a planta do Porriño cedendo os activos por 3.600 euros a unha empresa romana xestionada por Rüdiger Wisser, de RW Future Tech SRL, “que deixa claro dende un primeiro momento a súa falta de interese en xestionar a actividade e si a súa venda ou peche”, apunta na súa iniciativa o BNG.
O pasado 14 de setembro, afonda Fernández Davila, o comité de empresa foi informado finalmente polos avogados de Rüdiger Wisser que está presentado un concurso de acredores, deixando a máis de cen familias do sur de Pontevedra sen emprego “e pondo en evidencia o doado da trama da multinacional: vender a empresa por un euro a un terceiro insolvente e evadir así responsabilidades económicas e de paso desprestixiar á empresa”, advirte a deputada ponteareá.
Cristina Fernández subliñou ademais que existe un informe de Inspección de Traballo, xa transmitido ao Xulgado do Social n. 7 de Vigo, que conclúe que houbo cesión ilegal dos postos de traballo a través da subrogación con ambas empresas compradoras. “E mentres acontecían todos estes fitos, Faurecia seguía implicada cos provedores e todo o material, equipos informáticos e soporte técnico empregados, seguían sendo da empresa”, engade.
O Bloque está a presentar tamén nestas semanas iniciativas nos distintos concellos da comarca nos que hai familias afectadas, co fin de amosar o respaldo das distintas corporacións ás reivindicacións laborais dos traballadores e traballadoras e o apoio ás familias afectadas pola actual situación.