NÉSTOR REGO PIDE CONCRECIÓN NAS DATAS PARA EXECUTAR AS OBRAS

O BNG pregunta no Congreso polo estado do proxecto de mellora da seguridade na N-120

n120 2 (2)
O BNG pregunta no Congreso polo estado do proxecto de mellora da seguridade na N-120

O BNG vén de rexistrar no Congreso unha batería de preguntas sobre o estado do proxecto de mellora da seguridade viaria na N-120 ao seu paso por Ponteareas, así como polo proceso de redacción do anteproxecto da nova vía de conexión da A-52, a denominada Variante de Ponteareas ou circunvalación.

Na súa exposición, o deputado do BNG, Néstor Rego, lembra que “a execución do proxecto de seguridade viaria na N-120 foi comprometida reiteradamente ante a Corporación Municipal e a Plataforma Veciñal. Tras a publicación do proxecto definitivo no BOE, e grazas as alegacións presentadas, foi necesario incorporar o deseño de dúas novas rotondas e o desprazamento en planta dunha das previstas”.

undefined

Rego salientou que “dende ese momento, non se tiveron máis noticias sobre o estado das actuacións, de cando se iniciará a licitación e de en que datas se prevé o inicio das obras”. Por este motivo, o deputado nacionalista requiriulle ao Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana que informe do estado no que está o expediente e do detalle do calendario que manexa o Ministerio para a execución dunhas obras “prioritarias” para a localidade.

En canto á Variante, o BNG sinala que se trata dunha infraestrutura “vital para dotar Ponteareas dun novo enlace que facilite o acceso á veciñanza dende a A-52 en máis dun punto, podendo así desprazar unha parte dos máis de 17.000 vehículos que pasan a diario pola N-120”.

Tras térense iniciado os trámites para a avaliación ambiental, Néstor Rego solicitou información do estado no que se atopa este anteproxecto e das datas que manexa o Ministerio para os seguintes pasos necesarios. Así mesmo, o deputado demandou información sobre a partida orzamentaria para acometer esta obra e sobre o consenso do trazado coas administracións e a veciñanza.

O Bloque lembrou que “os sucesivos gobernos teñen prometido esta actuación dende a apertura da autovía, pero 25 anos despois a veciñanza de Ponteareas e da comarca segue sen solucións”. Así mesmo, recoñeceu e agradeceu unha vez máis a firmeza da Plataforma veciñal nesta reivindicación e comprometeuse a continuar traballando “dende todas as frontes” ata acadar a realización das obras.

O BNG pregunta no Congreso polo estado do proxecto de mellora da seguridade na N-120