O BNG desminte as falsidades do PP sobre o proxecto da Nave de Aceiros

Aceros-del-Tea-Edusi-Ponteareas
Conseguíronse os fondos europeos grazas á xestión do goberno liderado polo BNG
O BNG desminte as falsidades do PP sobre o proxecto da Nave de Aceiros

O BNG saíu o paso das “falacias, falsidades e manipulacións” do Partido Popular en relación ao proxecto de rehabilitación da Nave de Aceiros. A formación nacionalista desminte que este proxecto conte con financiamento dende o 2016 e que estea paralizado por “inacción de gobernos anteriores”, como afirma o PP nun comunicado enviado dende o Concello.

“Os antecedentes deste proxecto inician no ano 2020, tras estudos técnicos e procesos de participación social. Ademais, o goberno do PP na Xunta non aprobou o Plan Urbanístico de Ponteareas até 2021, entrando en vigor a finais de decembro, e o informe de viabilidade urbanística data de 2022, polo que non sería posible licitar a obra antes destes procedementos. Esta información figura no proxecto que modificou o PP, polo tanto ou non len os documentos que elas mesmas aproban ou manipulan a información coa intención de enganar ás veciñas e veciños”, explica o Bloque.

O BNG lembra que as obras xa foron sacadas a concurso público dúas veces, quedando desertas na primeira ocasión pola codificación das empresas presentadas e na segunda por importe, tras a suba do materiais de construción. Posteriormente, adaptouse o proxecto diminuíndo o seu alcance e adaptándoo ao financiamento dispoñíbel. “O PP tiña esa documentación ao seu dispor, só tiña que sacala novamente a concurso público para iniciar as obras que dotasen a Ponteareas dun novo equipamento sociocultural. Pero preferiron solicitar unha modificación do proxecto, cambiarlle o uso e perder máis dun mes, a sabendas de que os fondos europeos non financiarán o que se execute despois do 31 de decembro”, lamenta o BNG.

O PP pretende confundir sobre a titularidade da parcela

En canto á titularidade da parcela, a empresa propietaria dos terreos xa presentara no mes de maio o proxecto de equidistribución para desenvolver a xestión urbanística da área, grazas á aprobación do Plan urbanístico. “Cando o PP chegou ao goberno, unicamente precisaba un informe municipal que validara a documentación, tal como o goberno saínte lle informou no seu primeiro día á fronte do Concello. Agora, pretenden confundir á opinión pública sobre a titularidade da parcela, como se non houbese nada feito, para intentar ocultar a súa incapacidade para xestionar este asunto”, afirma o BNG.

Ante a acusación do PP de “falla de xestión”, o Bloque lémbralle ao goberno de Castro que “se Ponteareas contou coa Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible Integrado (EDUSI) e con cinco millóns de euros para desenvolvela foi grazas á xestión do goberno liderado polo BNG, que captou a maior achega de fondos europeos da historia da localidade, a pesar de que o PP foi o único grupo que non apoiou a candidatura de Ponteareas para optar a estes fondos”, lembra o BNG.

A formación nacionalista recoméndalle ao PP que deixen de enredar con "ruído mediático" para tratar de ocultar os seus erros, e se poñan a traballar para non perder máis de medio millón de euros dun proxecto en marcha que só tiñan que culminar.

O BNG desminte as falsidades do PP sobre o proxecto da Nave de Aceiros