O BNG denuncia o abandono do Museo do Corpus a ceo aberto e congratúlase da súa ampliación
A ampliación é froito do Plan de Sostibilidade Turística aprobado co Bloque no goberno
O BNG vén de denunciar que o goberno local ten abandonado o Museo de Corpus a ceo aberto de Ponteareas, un proxecto pioneiro posto en marcha no 2021 co Bloque á fronte do goberno. “Ao mesmo tempo, fan propaganda coa sinatura dun convenio coa Deputación para proceder á súa ampliación”, sinalan.
Segundo explica o Bloque, grazas ás novas tecnoloxías o museo permitía á veciñanza e visitantes gozar da arte efémera de xeito sinxelo e inmersivo en calquera momento do día, os 365 días do ano, a través dos códigos QR instalados nas fachadas nun percorrido dun quilómetro con máis de 320 fotos, vídeos e imaxes en 360”
“Trátase do primeiro museo a ceo aberto de Galiza, un proxecto innovador e singular que o goberno de Nava Castro deixou de manter, co resultado de que desapareceron moitas placas cos códigos QR, sen seren substituídas nin actualizadas”, denuncian desde o BNG.
A pesar desta situación de abandono, o Bloque valora positivamente que, segundo se fixo público este venres, o goberno local asinará coa Deputación de Pontevedra un novo convenio para executar a ampliación prevista deste proxecto. “Este avance é posible grazas ao Plan de Sostibilidade Turística en Destino aprobado no 2022 co BNG á fronte da Alcaldía de Ponteareas e tamén no goberno provincial, o que demostra que o noso traballo segue a dar resultados para a vila, mesmo despois de deixar a Alcaldía”, congratúlase o Bloque.
Ademais, o BNG sinala que esta ampliación chega con retraso. “Os traballos tiñan que estar executados xa en decembro do ano pasado, pero a falta de planificación e a desidia do goberno da dereita obrigaron a solicitar unha prórroga para non perder os fondos comprometidos”, denuncian.
Por último, animan ao goberno de Nava Castro a empregar esta acción como punto de inflexión para “continuar executando os moitos proxectos elaborados polo BNG para mellorar Ponteareas e non deixar morrer iniciativas estratéxicas para a dinamización económica, social e cultural da nosa vila”.