O BNG defenderá no Pleno de Ponteareas propostas para actuar ante a suba disparada de prezos
O BNG presentou uha batería de propostas, que defenderá no pleno deste martes en Ponteareas, reclamando solucións para que os gobernos actúen ante o incremento disparado dos prezos. “A situación é insoportábel e non podemos permitir que goberno central e Xunta sigan de brazos cruzados, xa que a suba de prezos está condicionada por decisións políticas. Hai marxe para actuar e evitar que as maiorías sociais paguen esta crise mentres grandes empresas como a banca ou as eléctricas multiplican beneficios”, sinala o BNG.
A formación liderada por Ana Pontón propón que o goberno central interveña de inmediato no sector enerxético para controlar os prezos da electricidade e do gas, recortar os beneficios das eléctricas, impulsar unha tarifa eléctrica galega e a prohibición dos cortes das subministracións básicas de forma permanente. Así mesmo, o Bloque demanda a baixada selectiva do IVE dos alimentos básicos, dos produtos do mar, de hixiene persoal e feminina, do transporte público, e da propia electricidade e gas.
A situación é insoportábel. Non podemos permitir que goberno central e Xunta sigan de brazos cruzados mentres a banca ou as eléctricas multiplican beneficios.
No relativo ás medidas de urxencia para a mobilidade e o transporte, o BNG propón a redución das peaxes, dos impostos sobre hidrocarburos e doutros custos que afectan ao transporte, así como o fomento do transporte público, tanto ferroviario como por estrada.
Entre a batería de propostas, o BNG tamén demanda do goberno central e da Xunta de Galiza a revisión impositiva para unha fiscalidade xusta e redistributiva, que compense a perda de poder adquisitivo dos sectores máis vulnerábeis contemplando no IRPF a inflación e revisando os principais impostos para que pague máis quen máis ten e se distribúa a riqueza.
“Temos propostas para impulsar un cambio estrutural na nosa economía, que nos faga máis resistentes a estas situacións, pero tamén as temos para actuar no curto prazo e evitar un empobrecemento drástico da cidadanía”, conclúen.