CRITICAN QUE O GOBERNO DO PSOE E PODEMOS DEA AS COSTAS Á VECIÑANZA DE PONTEAREAS AO NON CONCRETAR ECONOMICAMENTE OS COMPROMISOS
O BNG dará a batalla no Congreso para que os Orzamentos inclúan a seguridade viaria na N-120 e a variante de Ponteareas
O BNG instará ao Goberno do Estado a investir na seguridade viaria na N-120 e na construción da variante de Ponteareas, “necesidades históricas da localidade que unha vez máis non son atendidas como corresponde nos Orzamentos Xerais do Estado que veñen de presentarse para 2022”.
O Bloque anunciou que o seu deputado no Congreso, Néstor Rego, realizará as correspondentes xestións ante o Goberno do Estado para lograr que os Orzamentos contemplen estes investimentos. “Daremos a batalla por Ponteareas. Poremos todo o noso empeño en facerlles ver a urxencia de executar estas actuacións e presentaremos emendas para evitar que continúe esta burla a veciñanza ponteareá”, aseguran.
“O pasado ano, o goberno do Estado presentou o proxecto de mellora da seguridade viaria na estrada N-120, valorado nuns catro millóns de euros, e comprometeuse a executalo. Agora, na hora da verdade, cando deben figurar esas partidas nos orzamentos para que o proxecto se leve a cabo, o goberno de PSOE e Podemos dá as costas ás veciñas e veciños de Ponteareas e non contempla nin un só euro para executalo”, lembra o BNG.
A formación nacionalista afirma que “non valen de nada as promesas; a veciñanza leva décadas escoitándoas por parte de PP e PSOE, pero as solucións nunca chegan, a inseguridade e os accidentes nesta vía continúan e as vítimas mortais aumentan”.
Na mesma liña, dende o Bloque refírense á Variante de Ponteareas como unha “tomadura de pelo e unha falta de respecto” ás veciñas e veciños de Ponteareas. “O Goberno do Estado debe pasar dos compromisos aos feitos. Comprometéronse a executala, polo que a súa obriga é concretar economicamente ese compromiso, coa consignación plurianual suficiente para a realización das obras”, insisten.
O BNG concluíu pondo en valor a súa presenza no Congreso a través do deputado Néstor Rego para “facer valer Galiza e esixir que se atendan debidamente as necesidades e demandas esencias para a veciñanza de Ponteareas e para o conxunto das galegas e galegos”.