O BLOQUE IMPULSARÁ UN PROXECTO PARA RENOVAR O INMOBLE, E AMPLIARÁ AS INSTALACIÓNS

O BNG aposta por transformar o Complexo Deportivo Álvaro Pino nun espazo innovador, accesíbel e sostíbel

Proposta exterior w
 
O BNG aposta por transformar o Complexo Deportivo Álvaro Pino nun espazo innovador, accesíbel e sostíbel

O BNG continúa na senda de transformar Ponteareas nun espazo de calidade para a veciñanza. Neste camiño, o Bloque traballa xa no seu proxecto de transformación do Complexo Deportivo Álvaro Pino nun espazo innovador, accesíbel e sostíbel, unha iniciativa que a alcaldesa e candidata nacionalista, Cristina Fernández, e o concelleiro de Deportes e candidato, Miguel Bouzó, xa presentaron ao equipo de traballadores e traballadoras das instalacións.

Con este proxecto, o BNG busca converter unha edificación construída en 1989 nun espazo amábel e sostíbel medioambiental, económica e socialmente que contará con novas instalacións para o uso e desfrute da veciñanza. Cristina Fernández amosou o compromiso do seu equipo con esta iniciativa, que “dá continuidade á nosa estratexia de seguir mellorando os espazos, as instalacións e os servizos municipais, creando un concello que aposta polas persoas e pola sostibilidade”. 

Como ven facendo nos últimos anos en diferentes ámbitos, o BNG ponteareán captará fondos europeos para a realización do proxecto.

A remodelación do complexo deportivo implicará un investimento de máis de 1,8 millóns de euros e incluirán a mellora integral da contorna, trasladando o consumo con fins térmicos a biomasa e dotando ao centro de sistemas de autoconsumo solar, mellorando a eficiencia enerxética nun 73% nas enerxías non renovábeis que se empregan na actualidade nas instalacións. 

Unha aposta pola inclusión e a sostibilidade que o BNG de Ponteareas acompañará con melloras de accesibilidade ao centro, coa dotación de vestiarios adaptado e a mellora das saídas de emerxencia para as persoas con mobilidade reducida. Ademais, o proxecto contempla a transformación integral da habitabilidade do centro cunha reforma completa dos vestiarios, o pavimento do chan e os sistemas de ventilación e climatización. Así mesmo, o BNG pretende ampliar a instalación, incorporando novos servizos grazas ao aproveitamento de máis de 450m2 no espazo superior do complexo deportivo. “Isto porá fin ás masificacións actuais, permitirá ás nais e pais regresar á grada durante os adestramentos e facilitará a convivencia durante as competicións”, sinala a alcaldesa, que ademais destaca “o impacto positivo que terá esta acción para albergar grandes eventos deportivos, que repercutiran positivamente na vila en diversos ámbitos. É fundamental ter en conta nas reformas a actividade federada que se practica na instalación polo retorno que isto supón para Ponteareas”, incidiu.

Cristina Fernández salienta que “este proxecto reflicte o noso compromiso co benestar da veciñanza e co desenvolvemento estratéxico e sostíbel. Estamos decididas e decididos a seguir mellorando os espazos deportivos e recreativos, brindando instalacións modernas e accesíbeis para todas as persoas, potenciando a economía local e mellorando a calidade de vida de todas e todos os ponteareáns”.

Proposta interior piscina w
Proposta interior vestiarios w
O BNG aposta por transformar o Complexo Deportivo Álvaro Pino nun espazo innovador, accesíbel e sostíbel