Cristina Fernández Davila, nova presidenta do grupo de Sustentabilidade Urbana do Eixo Atlántico
A alcaldesa de Ponteareas, Cristina Fernández Davila, vén de converterse na nova presidenta do grupo de Sustentabilidade Urbana do Eixo Atlántico, entidade transfronteiriza que reúne a preto de 40 municipios para promover a cooperación entre Galicia e o norte de Portugal e á que a vila adheriuse recentemente.
Este é un dos catro grandes grupos temáticos nas que divide a súa actividade o Eixo Atlántico, a través dos que se traballa en proxectos de futuro vinculados ao turismo, cultura e educación, deporte e sustentabilidade.
O grupo que preside xa a rexedora ponteareá ten como obxectivo desenvolver con todos os concellos integrantes medidas para reforzar as políticas de sustentabilidade urbana centrándose en diferentes aspectos, como pode ser un novo Plan de Mobilidade Urbana Sustentable do Eixo Atlántico, presentado hai uns meses en Póvoa de Varzim.
“É un orgullo presidir unha área que para o noso concello é tan importante e coa que buscamos ter municipios cada día máis sustentábeis a todos os niveis, desenvolvendo modelos urbanísticos que non degraden a nosa contorna e que primen a calidade de vida da veciñanza”, salienta a rexedora. Deste xeito, Ponteareas dá un paso máis para converterse “en referente de vila cun modelo de crecemento organizado e planificado, baseado no desenvolvemento sostíbel que ten como pedra angular a estratexia ‘Ponteareas hábitat saudábel’, que conta co apoio dos Fondos de Desenvolvemento Rexional (FEDER) da Unión Europea”.