O BNG INCIDIU NA SAÚDE MENTAL E EN CONTRATAR PERSOAL EN CONDICIÓNS DIGNAS
Unanimidade en Ponteareas para mellorar a sanidade pública coas propostas do BNG
O Pleno de Ponteareas aprobou por unanimidade a batería de iniciativas presentada polo BNG para “garantir unha atención sanitaria digna ante o colapso da Atención Primaria, con cadros de persoal insuficientes para atender as necesidades sanitarias da poboación”. O Portavoz Municipal do BNG, Miguel Bouzó, sinalou que “o goberno do PP na Xunta ten que asumir as súas responsabilidades e pórlle freo ás políticas de desmantelamento dunha Atención Primaria exhausta tras anos de facer de trincheira do sistema sanitario. O seu fortalecemento non permite máis demoras”, afirmou.
Bouzó afeou a intervención do Partido Popular, aportando datos que “desmontan o argumento” da boa xestión do goberno de Feijoo. “Cando sería precisa unha auténtica aposta pola Atención Primaria para sacala do colapso, resulta que o orzamento para 2022 aínda é 2 millóns de euros máis baixo que no ano 2021, e 47 millóns de euros menos que cando entrou o PP na Xunta no 2009. Pero ademais, estamos á cola do Estado en investimento na Primaria, con só o 12% do orzamento, máis de dous puntos por debaixo da media estatal e moi lonxe do 25% que aconsellan todos os estudos”.
Así mesmo, o portavoz do Bloque criticou a política laboral da Xunta, “que somete ás profesionais a condicións laborais precarias, sufrindo mesmo a contratación por días. Temos un servizo de pediatría en Ponteareas colapsado, cun profesional que ten que desprazarse por toda a comarca porque o Sergas non cubre as prazas. Temos exemplos dunha mesma persoa con 53 contratos en 3 meses, con 46 deles dun día e o resto de 2 e 3 días. Sorpréndelles que as profesionais non queiran traballar en condicións coma estas?”, cuestionou Bouzó á bancada do PP, tras propor contratar en condicións dignas o persoal necesario para unha atención sen demoras.
Entre as propostas aprobadas, figura implantación da Unidade de Saúde Mental en Ponteareas. O BNG insistiu nesta demanda, dado que “esta pandemia deixou un impacto brutal na saúde mental da cidadanía. Trouxo illamento social, confinamento, afectación emocional pola perda de seres queridos, incerteza, angustia, ansiedade, depresión, medo ante o futuro... Xa é hora de sacar a saúde mental da marxinalidade en termos de recursos económicos, humanos e materiais”, sinalou Miguel Bouzó.
“As cifras que demostran o desmantelamento da sanidade pública son alarmantes, e detrás das cifras hai persoas que sofren. Por iso, dende o BNG consideramos que o PP non pode seguir agochándose continuamente na situación de pandemia e de crises e ten que pór en marcha medidas que garantan unha atención sanitaria digna á altura do que por dereito nos corresponde ás galegas e galegos”, concluíu Bouzó.