O BNG proporá no Pleno incrementar os recursos para facer fronte á violencia machista
Ante os discursos negacionistas, o Bloque sinala que cuestionar a violencia machista tamén é violencia machista
O Pleno de Ponteareas debaterá este martes unha iniciativa do BNG encamiñada a incrementar os recursos públicos para facer fronte á violencia machista. A proposta pon o foco na urxencia de reforzar os servizos públicos, garantir a atención ás vítimas e reclamar á Xunta de Galiza unha resposta decidida fronte ao grave retroceso en políticas de igualdade.
O BNG lembra que este ano cúmprense 18 anos da Lei galega contra a violencia machista, unha norma pioneira que non foi desenvolvida nin dotada dos recursos necesarios. Isto provoca, segundo o Bloque, “importantes carencias na atención psicolóxica, nos apoios económicos, na formación especializada e na prevención”. A formación nacionalista denuncia tamén a “desidia do Partido Popular” e os recortes que afectaron servizos esenciais como a Atención Primaria, os Centros de Información á Muller (CIM) ou a educación pública”.
Nun contexto no que “avanzan discursos negacionistas”, o BNG reafirma que “cuestionar a violencia machista é tamén violencia machista”, e lembra que en Galiza existen máis de 6.000 casos activos no sistema Viogén, ademais de varios feminicidios e intentos de feminicidio no que vai de ano.
Por iso, o BNG propón que a Corporación denuncie que o negacionismo da violencia machista é unha forma de violencia machista, ao tempo que reafirme o seu compromiso co reforzo dos servizos públicos e o aumento dos recursos destinados ao sistema de protección e atención ás vítimas. O Bloque reclama tamén un novo marco regulamentario e orzamentario para os CIM, que permita reforzar e ampliar a rede galega, garantir ratios mínimas de persoal e asegurar a contratación a xornada completa das profesionais, así como reinternalizar no sistema público os centros de crise 24 horas para a atención de mulleres vítimas de violencia sexual.