O BNG lamenta que o PP se negue a reforzar o profesorado especialista no colexio de Guláns

Cristina Fernández lamentou o desamparo do alumnado e a falta de respecto do PP á comunidade educativa que demanda máis especialistas
O BNG lamenta que o PP se negue a reforzar o profesorado especialista no colexio de Guláns

A deputada do BNG no Parlamento Galego e concelleira en Ponteareas, Cristina Fernández Davila, lamentou a postura do goberno do PP na Xunta ao negarse a reforzar o profesorado especialista para o alumnado con necesidades do CEIP Feliciano Barrera de Guláns.

Cristina Fernández defendeu unha iniciativa parlamentaria para reclamar ao goberno que complete o horario semanal destas profesionais para dar a atención debida ao alumnado con necesidades educativas. Na súa resposta, o representante da Xunta afirmou que, segundo o catálogo, “o CEIP Feliciano Barrera xa conta cos recursos docentes necesarios e adaptados ás necesidades”, o que Fernández cualifica de “falta de respecto á comunidade educativa que está reclamando máis persoal mentres o goberno do PP se limita a falar de números e de estatísticas para xustificar a atención insuficiente ao alumnado deste centro”.

A deputada do Bloque lembrou que “en torno ao 40% do alumnado deste centro atópase en situación de vulnerabilidade, e 3 de cada 10 alumnos e alumnas presentan necesidades educativas específicas. Con todo, hai alumnado que viu demorado o proceso de identificación das súas necesidades, dado que o centro non dispón de Orientadora a tempo completo que poida dar a atención debida a este alumnado e completar unha valoración que permita darlle a tempo os apoios e reforzos que precisan”, sinalou Cristina Fernández.

A concelleira e deputada do BNG engadiu que “este curso o CEIP Feliciano Barrera dispón dunha especialista en Pedagoxía Terapéutica (PT) que comparte horas coa responsabilidade de secretaría e unha especialista de Audición e Linguaxe (AL) compartida con outro centro. Estes recursos son claramente insuficientes para poder atender a tan alto número de nenos e nenas con necesidades específicas de apoio educativo e necesidades educativas especiais”

Con estes datos, Fernández Davila instou ao goberno da Xunta a “reflexionar sobre a situación de desamparo na que deixan ao alumnado con necesidades deste centro do rural ponteareán”. Así mesmo, lembrou que á situación súmanse a falta de ximnasio e de comedor, ou as necesidades de actualización dunhas instalacións de case 70 anos, cuestións que o BNG tamén propuxo corrixir.

O BNG lamenta que o PP se negue a reforzar o profesorado especialista no colexio de Guláns