O BNG lamenta que a Estratexia Ponteareas 2030 sexa presentada sen participación

undefined

O Bloque congratúlase de que se continúe o traballo da estratexia anterior

O BNG lamenta que a Estratexia Ponteareas 2030 sexa presentada sen participación

O BNG reaccionou á presentación da “Estratexia Ponteareas 2030” realizada na mañá deste venres polo goberno local. O Bloque lamentou que o goberno de Nava Castro presente unha estratexia elaborada “sen participación veciñal nin política, cando pretende ser un documento que guíe o rumbo de Ponteareas durante os vindeiros seis anos".

"A pesar de tratarse dunha estratexia global que afectará a corporacións futuras, os grupos políticos unicamente fomos convocados a unha reunión en abril cun empregado da empresa de comunicación do Concello e redactora do documento, na que se nos informou que se elaboraría esta estratexia e se indicaron os obxectivos estratéxicos que pretendía establecer. O BNG propuxo nesa xuntanza iniciar un proceso participativo acorde coa envergadura deste plan, pero o goberno de Castro declinou a proposta e limitouse a realizar unha xuntanza global", lamentan.

undefined
Grupo Municipal BNG

En canto á existencia desta estratexia, e a falta de analizar o documento do que os grupos políticos aínda non dispoñen, o BNG valora positivamente “que Ponteareas vaia contar cun documento que continúe o traballo da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostíbel Integrado <Ponteareas, Hábitat Saúdabel>, posta en marcha polo goberno do Bloque para mobilizar seis millóns de euros e transformar Ponteareas nunha vila con máis calidade de vida”.

"Estamos satisfeitas de que o inxente traballo realizado polo anterior goberno continúe o seu proceso de cara á nova convocatoria de fondos europeos", salientan dende o BNG, pondo en valor que “os propios redactores afirmaron na reunión de abril que se elaborou este plan partindo dos amplos documentos estratéxicos de análise que foron elaborados durante o anterior mandato”. Precisamente, en opinión da formación nacionalista, “isto facía necesario un proceso de participación política e social para a actualización dos mesmos”.

Por último, o Bloque congratúlase de que "os redactores da estratexia consideran na súa análise unha fortaleza que Ponteareas conte con documentos como o Plan Urbanístico ou o Plan de Mobilidade, e con infraestruturas como a caldeira de biomasa e a rede de calor, accións executadas polo goberno do BNG e que os partidos da dereita, agora no goberno, criticaron nos últimos anos", conclúen.

O BNG lamenta que a Estratexia Ponteareas 2030 sexa presentada sen participación