O BNG, desolado ante o pasamento do exalcalde Xosé Represas
O BNG de Ponteareas expresou o seu sentimento de desolación e profunda dor diante do pasamento do exalcalde de Ponteareas, Xosé Represas. A formación nacionalista transmitiu o seu fondo pesar e a súa inmensa amargura e tristura pola perda “dunha excepcional persoa e compañeiro a quen nunca esqueceremos”. A formación nacionalista transmitiron o seu afecto e apoio á súa familia nestes difíciles momentos.
“Afrontamos a consternación na que nos sume esta dolorosa nova coa lembranza de Xosé Represas, do cariño e afecto que sempre lle gardaremos e da nosa admiración pola súa traxectoria e entrega a Ponteareas, a Galiza e ao BNG” engadiron os nacionalistas.
O Responsábel Local do BNG, Bolívar González, salientou de Represas que “o seu gran legado político, como primeiro alcalde nacionalista da historia de Ponteareas, será a nosa guía, e a súa forma de facer e entender a política será un exemplo a seguir”.
Represas foi concelleiro do BNG no ano 1999 e 2000, e dende 2007, asumindo nese mandato a condición de voceiro da formación nacionalista. Candidato á alcaldía dende 2011, acadou o bastón de mando no ano 2015, exercendo como máximo rexedor local dende entón. No 2019 logrou o mellor resultado do BNG na historia de Ponteareas, acadando a maioría e revalidando a alcaldía até o pasado mes de abril no que presentou a súa renuncia por motivos de saúde.
A formación nacionalista lembrou, ademais da traxectoria política de Represas, o seu compromiso e activismo social. Especialmente recoñecido é o seu intenso traballo desenvolvido hai décadas no proceso de recuperación dos montes veciñais, ámbito no que chegou a ocupar a presidencia da Asociación Forestal de Galicia.
Bolívar González agradeceu as innumerábeis mostras de cariño e afecto recibidas tanto por parte de veciños e veciñas coma de numerosos colectivos sociais apesarados pola perda dunha persoa querida e apreciada por enriba das diferenzas políticas.
A Voceira Nacional do BNG, Ana Pontón, salientou que “Xosé Represas deixa un enorme baleiro en todos e todas nós:foi unha gran persoa, xenerosa, honrada e traballadora, comprometida con Ponteareas e con Galiza no corazón” e transmitiu unha aperta a súa familia, amizades e militancia do BNG na localidade.