Xosé Represas renuncia á Alcaldía de Ponteareas por razóns de saúde

Represas BNG
Xosé Represas renuncia á Alcaldía de Ponteareas por razóns de saúde

O Alcalde de Ponteareas, o nacionalista Xosé Represas, presentou a súa renuncia na mañá deste xoves por razóns de saúde. Represas estaba de baixa por enfermidade dende o pasado mes de decembro, ocupando a alcaldía dende entón a primeira tenente de alcalde, Cristina Fernández Davila (BNG).

A formación nacionalista expresou a súa tristura e o seu pesar pola renuncia de Represas, a quen transmitiron “todo o noso ánimo e alento para continuar enfrontando o seu estado de saúde coa coraxe e a forza que veu demostrando nestes meses”. O BNG e o grupo municipal que compartiu con Represas estes anos de goberno desexáronlle ao alcalde a súa recuperación.

Ademais, os nacionalistas eloxiaron a figura de Represas ao fronte do Concello dende o ano 2015. “O goberno presidido por Xosé Represas marcou un antes e un despois na historia política de Ponteareas, supuxo un novo xeito de gobernar, puxo en marcha a modernización do Concello e da localidade, saneou unha facenda local arruinada e iniciou a execución de grandes proxectos de transformación para o futuro de Ponteareas”, salientou o BNG. “Represas destacou pola súa capacidade, a súa entrega a Ponteareas e á súa veciñanza e o seu talante dialogante e conciliador”, engadiu a forza nacionalista.

Durante as últimas semanas Xosé Represas e o Grupo Municipal do BNG viñeron traballando con intensidade no seu relevo para que o proxecto político do BNG e a acción de goberno continúe con eficacia nos dous anos que restan do actual mandato. O Bloque proporá que a nova alcaldesa sexa Cristina Fernández Davila, actual primeira tenente de alcalde, quen compartiu responsabilidades de goberno con Represas dende 2015. A formación nacionalista salientou a experiencia e a capacidade da que, previsiblemente, será nova alcaldesa de Ponteareas quen, co resto do grupo municipal, seguirán dando resposta coa mesma ilusión e capacidade aos retos do Concello.

A voceira nacional do BNG, Ana Pontón tamén transmitiu o seu recoñecemento á “traxectoria exemplar de Xosé Represas, o mellor alcalde da historia de Ponteareas e o primeiro nacionalista, unha persoa honesta e traballadora que leva sempre Galiza por bandeira” e desexoulle a súa recuperación.

Xosé Represas renuncia á Alcaldía de Ponteareas por razóns de saúde