O BLOQUE EXPLICA QUE O ÚNICO QUE CAMBIA SON AS PERSOAS QUE OS PERCIBEN

O BNG desminte ao PP e aclara que os salarios do goberno continúan sendo os mesmos aprobados en 2019

Grupo mpal cut
O BNG desminte ao PP e aclara que os salarios do goberno continúan sendo os mesmos aprobados en 2019

O BNG desmentiu ao Partido Popular aclarando que os salarios que percibirá o goberno de Ponteareas continúan sendo os mesmos aprobados en 2019, sendo 45.000 euros brutos para a alcaldía, 30.000 euros brutos para as concelleiras e concelleiros con dedicación exclusiva e 20.000 para edís con dedicación parcial, onde se inclúen un do PP e outro de ACIP. “Polo tanto os salarios non se soben, é radicalmente falso”, aclara o BNG.

A formación nacionalista explica que “o PP manipula a información con mala fe” e que en realidade o que fai o goberno é reasignar as dedicacións aprobadas no seu día, como consecuencia da renuncia e falecemento de Xosé Represas e dos cambios na alcaldía e nalgunhas concellarías. Agora, Cristina Fernández Davila pasará a cobrar o salario que lle corresponde como alcaldesa, como fixeron todos os alcaldes anteriores, agás Represas que renunciara a el pola súa decisión persoal. A asignación por dedicación completa que antes percibía Cristina Fernández asígnase agora a Miguel Bouzó, e a dedicación parcial que percibía este concelleiro pasa á nova concelleira Lola Covelo. Polo tanto, son as mesmas dedicacións e salarios, pero distribuídos entre persoas diferentes.

Dende o Bloque lembran que a única retribución que agora se percibirá a maiores é a que lle corresponde á alcaldesa, e preguntan aos populares se González Solla (PP) podía cobrar como alcalde e Fernández Davila, por ser muller, debe ser alcaldesa sen soldo. A formación nacionalista pide ao PP “máis respecto e seriedade” e que deixen de “denigrar a política facendo polémicas cos salarios do goberno ponteareán que nin alcanzan as cifras doutros concellos semellantes”.

O BNG desminte ao PP e aclara que os salarios do goberno continúan sendo os mesmos aprobados en 2019