A Unión Europea denuncia o incumprimento da Carta Europea das Linguas por parte da Xunta
O Pleno do Concello de Ponteareas ven de aprobar na última sesión ordinaria unha iniciativa presentada polo BNG para que a Xunta derrogue o decreto contra o galego e cumpra a Carta Europea das Linguas. A moción foi aprobada por todos os grupos da Corporación Municipal, agás o PP.
O BNG presentou esta moción o Pleno Municipal despois de que a Unión Europea fixese público un documento no que denunciaba o incumprimento da Carta Europea das Linguas por parte da Xunta de Galiza.
A Portavoz do BNG en Ponteareas e Concelleira de Normalización Lingüística, Hortensia Bautista, indicou na exposición da iniciativa que o informe de avaliación resalta o retroceso nos servizos públicos na atención en lingua galega e as dificultades para empregar o galego con normalidade na nosa vida diaria, especialmente en ámbitos como a Xustiza, o bancario ou o sistema sanitario.
A parálise do goberno da Xunta en relación ao galego é o motor do seu retroceso
A concelleira ponteareá indicou que a parálise do goberno da Xunta en relación ao galego é o motor do seu retroceso, por iso cómpre actuar para avanzar, con unidade en torno a aspectos básicos como o cumprimento do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega e a Carta Europea, colocando a lingua como o que é: a principal obra colectiva, sinal de identidade e cohesión social do pobo galego. En palabras de Bautista, que o noso goberno cumpra cos compromisos colectivos e internacionais sobre a lingua e que garanta plenamente a posibilidade de vivirmos en galego é a mellor política de promoción do idioma.
Hortensia Bautista considera urxente que o Partido Popular mude a súa política lingüística contraria a normalización do noso idioma e manifestou que o decreto do plurilingüismo é un decreto contra o galego, un esperpento xurídico e unha ofensa a nosa dignidade como pobo.