Imprimir

A Manada, persoas non gratas en Ponteareas a iniciativa do BNG

bngponteareas | 19 de Xullo de 2018

A través dunha iniciativa do BNG, defendida no Pleno pola Concelleira de Igualdade e Benestar Social, Verónica Carrera, Ponteareas declarou por unanimidade persoas non gratas aos cinco violadores integrantes da autodenomindada “Manada”. Os cinco agresores foron condenados por ter sometido a unha moza de 18 anos a reiterados actos sexuais, por parte de todos eles, en contra da súa vontade e facendo uso da súa condición de superioridade numérica, física e de idade.

A concelleira do BNG ponteareán, Verónica Carrera sinalou que “tras asinar todos os manifestos e apoiar todas as mobilizacións, é o momento de dar un paso máis, e que sexan as Corporacións Locais as que poñan o seu gran de area na denuncia desta inxustiza social sumándose ao berro cidadá polo caso da Manada”.

Verónica Carrera destaca que “as agresións sexuais son a arma máis empregada para librar esta guerra contra as mulleres que xa se vai facendo máis visible, e por fin deixou de ocupar espazos de recheo para situarse nos titulares de apertura dos medios de comunicación”. “A loita feminista das últimas décadas foi vital para iso”, matiza a edil.

“O caso da Manada é o cumio do iceberg e debemos aproveitalo para visibilizar os centos de casos anónimos que suceden ao noso arredor con moita máis frecuencia da que nos pensamos”, sinalou Verónica Carrera. “Que saiban todas as vítimas anónimas que estamos con elas. E que todos e todas entendamos que o silencio nos condena”, concluíu a concelleira nacionalista.

Políticas Municipais de igualdade

O BNG aproveitou a aprobación desta iniciativa para destacar “as políticas transformadoras levadas a cabo dende a Concellería de Igualdade que dirixe Verónica Carrera”. Neste sentido, os nacionalistas destacan a elaboración do Plan de Igualdade “un plan ambicioso e con medidas concretas para avanzar en todos os ámbitos nos que existe discriminación de xénero”, sinalan dende o BNG.

 

Así mesmo, o Bloque menciona accións levadas a cabo polo goberno local como “a reestruturación do Centro de Información á Muller, a realización de numerosas actividades ou a posta en marcha de programas específicos para vítimas de violencia machista”, accións que, segundo indica o BNG, “deixan clara a importancia que ten para este goberno a procura dunha igualdade real e efectiva na nosa sociedade”.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/novas/manada-persoas-non-gratas-ponteareas/20180719000210002201.html


© 2018 BNG Ponteareas

Bloque Nacionalista Galego

Avda. Rodríguez de Viguri, 16 baixo
15703 Santiago de Compostela (GALIZA)
Teléfono: +34981555850
Correo: sedenacional@bng.gal