Imprimir

O BNG acusa ao PP de “canallas” pola súa actuación contra a escola de San Mateo

bngponteareas | 01 de Septembro de 2018

O BNG de Ponteareas, a través da súa concelleira Cristina Fernández Davila, sae ao paso das ultimas declaracións sobre a escola unitaria de San Mateo, que o PP pretende pechar a toda costa “para continuar co desmantelamento de servizos no rural”, segundo indica o Bloque.

Villar e Sampedro preocupanse de agradar a Feijoo en vez de defender os intereses de Ponteareas

Cristina Fernández, concelleira de ensino na localidade, acusa ao PP “de actuar como canallas contra a escola de San Mateo”. A concelleira do BNG critica “o apoio feito público polo PP ponteareán á decisión da Xunta de pechar a escola despois de que o propio Partido Popular votase recentemente no Pleno de Ponteareas a favor da continuidade desta escola”. Segundo denuncia Fernández, “Belén Villar, Andrés Sampedro e o resto do PP local están máis preocupados de agradar a Feijoo que de defender os intereses das veciñas e veciños de Ponteareas”.

A concelleira do BNG sinala que “o PP non só está desacreditado para volver gobernar Ponteareas pola súa nefasta e corrupta xestión coa que arruinaron ao concello, senón tamén por defender ao seu partido antes que aos veciños e veciñas que atravesan situacións como esta por culpa das súas políticas”

Indecencia no cambio de postura do PP

Así mesmo, o BNG denuncia “a indecencia do PP na Consellería de Educación, que reunidos cos pais trasladan unha versión que logo modifican asestando unha puñalada polas costas nunha nota enviada á prensa”. Fernández refírese así á xuntanza celebrada o pasado luns en Santiago, na que “o Secretario Xeral Técnico de Educación, o señor Oitavén, comprometeuse ante os pais a agardar ata o comezo do curso para lograr aumentar as matrículas e evitar o peche. Pola contra, o Xefe Territorial da mesma Consellería, o señor Pérez Ares, trasladou onte nun escrito aos medios de comunicación que a escola pechará sen volta atrás”.

Bará acompañandoCristina Fernández adianta que, tras a xuntanza do luns en Santiago, “os pais e nais continuaron buscando familias que matriculasen os cativos en San Mateo, e a día de hoxe están a unha matrícula de conseguir o mínimo establecido polo Secretario Xeral Técnico da Consellería de Ensino da Xunta”.

A concelleira do BNG, que leva amosado o seu apoio dende que xurdiu a problemática, traslada os seus parabéns aos pais e nais afectadas, “por non engurrarse ante estas inxustizas do goberno do PP na Xunta e seguir loitando na defensa da súa escola e do ensino no rural”.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/novas/bng-acusa-ao-pp-canallas-pola-sua-actuacion-escola-san-mateo/20180901210142002207.html


© 2018 BNG Ponteareas

Bloque Nacionalista Galego

Avda. Rodríguez de Viguri, 16 baixo
15703 Santiago de Compostela (GALIZA)
Teléfono: +34981555850
Correo: sedenacional@bng.gal