Imprimir

O BNG achaca a frustración de Belén Villar á súa propia incapacidade

bngponteareas | 16 de Outubro de 2018

Tras a aprobación dos orzamentos máis elevados da historia de Ponteareas, o BNG, a través do seu Responsable Local, Nemesio Boente, puxo en valor o traballo do alcalde, Xosé Represas, e do seu goberno pola “brillante xestión económica demostrada nestes tres anos”.

Nemesio Boente sinalou que o goberno ponteareán “tivo que pagar máis de 10 millóns de euros de débedas herdadas da nefasta xestión de Belén Villar e do PP”. Neste sentido, o dirixente do BNG lembra que, en catro anos como Concelleira de Facenda, “Villar non foi capaz de presentar nin un só orzamento, o único que conseguiu foi levar ao concello á máis absoluta ruína”.

Villar e o PP arruinaron Ponteareas sen aprobar nin un só orzamento en catro anos

Ante as críticas de Villar aos orzamentos, o BNG lémbralle que “non está en condicións de dar leccións económicas despois de que o seu propio partido a desautorizase no 2012 dende o Ministerio de Facenda e lle embargase os ingresos”. O Bloque asegura que “o que frustra a Belén Villar é a súa propia incapacidade e os seus fracasos, que pretende tapar con falsidades que a poñen en ridículo cada vez que se pronuncia”.

O Responsable Local do BNG traslada os parabéns do conxunto da organización ao Concelleiro de Facenda, Francisco Alonso, pola súa xestión. Así mesmo, anímao “a seguir a senda iniciada no 2015 arranxando a desfeita creada polo PP, xa que isto supón un claro beneficio para Ponteareas ao permitir realizar investimentos imprescindibles para a mellora de servizos básicos para as veciñas e veciños”.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/novas/bng-achaca-frustracion-belen-villar-sua-propia-incapacidade/20181015205754002213.html


© 2018 BNG Ponteareas

Bloque Nacionalista Galego

Avda. Rodríguez de Viguri, 16 baixo
15703 Santiago de Compostela (GALIZA)
Teléfono: +34981555850
Correo: sedenacional@bng.gal