Ponteareas é o único concello que en 2015 perde ingresos do Estado

Ponteareas é o único concello que en 2015 perde ingresos do Estado

Belén Villar (PP), concelleira de Facenda

O BNG de Ponteareas pide á concelleira de facenda, Belén Villar, que explique os motivos polos que o Concello de Ponteareas é o único da provincia que, neste ano 2015, vai recibir menos diñeiro da participación nos ingresos do Estado.

Os nacionalistas afirman que Ponteareas resulta prexudicada en máis de 300.000 euros. Mentres o conxunto dos concellos da provincia contarán cun incremento de ingresos do 6,6%, 6,7 millóns de euros máis que en 2014, Ponteareas non só non subirá, senón que recibirá incluso menos. O importe total de 2015 que lle corresponde a Ponteareas, na participación dos impostos que recada o Estado, suma 4.548.609 euros, é dicir,  80.056 euros menos dos recibidos en 2014.

O prexuízo económico supera os 300.000 euros

A participación dos ingresos do Estado é distribuída tendo en conta a poboación e outros conceptos. Aínda que Ponteareas perdeu 211 habitantes con respecto ao ano anterior, segundo os datos do Ministerio de Facenda, a rebaixa de ingresos non está relacionada coa variable poboacional. Segundo os cálculos do propio ministerio, a pesar desta perda de poboación, Ponteareas recibirá polos habitantes 200.000 euros máis en 2015. A diferenza que provoca esta baixada de ingresos e un prexuízo superior a 300.000 está relacionada cos outros conceptos utilizados polo Ministerio á hora de realizar o reparto.

Dende o BNG consideran que esta perda de ingresos podería gardar relación coa revisión catastral, o aumento de valor dos inmobles e o correspondente incremento anual do recibo da contribución ou IBI, por iso os nacionalistas instan á concelleira de Facenda a explicar a xustificación, dada polo Ministerio de Facenda, para esta perda de ingresos de máis de 300.000 euros.