O BNG presenta a proposta de PXOM que pode ser aprobada por todas as forzas políticas

O BNG presenta a proposta de PXOM que pode ser aprobada por todas as forzas políticas

O BNG de Ponteareas fixo público a través do seu portavoz, Xosé Represas, a proposta dos nacionalistas que permitiría aprobar o Plan Xeral de Ordenación Municipal co consenso de todas as forzas políticas. "Só é preciso que o Partido Popular se sume ao interese xeral; que renuncie ao aumento da superficie de aproveitamento lucrativo na parcela de -Granitos- e apoie as propostas de mellora do Plan en equipamento públicos, chan industrial e novos parques e zonas verdes céntricas” manifestou Represas. “Trátase de aprobar un Plan que solucione as carencias do urbanismo practicado polo PP en décadas”, engadiu.

Para mellorar o Plan, frente a unha simple “declaración de intencións” como propón o goberno do PP, o BNG contempla un compromiso concreto da Corporación para incorporar na aprobación definitiva do PXOM as melloras presentadas polo BNG e os outros grupos, propostas que son viables e non teñen reparo técnico nin legal. “Son melloras que responden ao interese xeral; a ordenación industrial da Lomba, asegurar a consecución das parcelas necesarias para un novo colexio de infantil e primaria, para ampliar o Centro de Saúde, para unha nova biblioteca e centro multiusos, para novas instalacións deportivas ou para unha nova residencia de maiores e centro de día, parcelas que serán propiedade do Concello sen custe para arcas municipais”, recalcou o portavoz BNG.

Agardamos que o PP renuncie ó pelotazo da parcela Granitos e se sume ó interese xeral para acadar consenso

Sobre as manifestacións do Alcalde, Salvador G. Solla, nas que xustificaba o aumento da superficie a construír na parcela de “Granitos”, os nacionalistas acusan ao Alcalde de falsear e mentir con todo o descaro para ocultar o “pelotazo” que supón un aumento de 4.500 metros cadrados de uso comercial lucrativo sen ningunha xustificación nin ningún beneficio para os ponteareáns e ponteareás.

Sobre a parcela de “Granitos”, o BNG defenderá a aprobación da ordenación urbanística que xa foi informada pola Xunta e que recolle o convenio de 1994 pola cesión dos terreos da estación de autobuses. Neste caso a superficie construída de aproveitamento lucrativo suma 24.235 metros cadrados, frente aos 28.727 metros cadrados que nas últimas semanas quere “colar” Solla e o Partido Popular. “A pretensión de Solla de regalar este maior beneficio particular representa tamén unha nova ameaza para o comercio local; contempla un aparcadoiro exclusivo dunha nova superficie comercial en lugar dun aparcadoiro público do que se poida beneficiar todo o comercio como propuxo o BNG”, afirmou Represas, quen engadiu que proporán ademais a revisión, no período de exposición pública, da compensación por unha actividade industrial que xa pechou hai un ano.