O BNG pide ao PSOE que reflexione e lamenta que se equivoque de inimigo

O BNG pide ao PSOE que reflexione e lamenta que se equivoque de inimigo

candidatura completa webO BNG de Ponteareas, a través de Roberto Mera, membro da candidatura nacionalista ás eleccións municipais, lamentou que “unha vez máis o PSOE se equivoque de inimigo. Deberían rectificar o erro que cometeron hai catro anos e traballar para expulsar ao PP do Concello pero seguen obsesionados co BNG e con Xosé Represas”.

Nós non imos entrar en provocacións porque o noso adversario é o Partido Popular

O nacionalista cualificou de “desvarío e faimerrir” as acusacións do Secretario Xeral do PSOE, Delfín Domínguez, contra Xosé Represas, a quen acusou de persecución política e intimidación. Mera achacou as acusacións “ao nervosismo do PSOE”, engadiu que “nós non imos entrar en provocacións porque o noso adversario é o Partido Popular” e aclarou que o incidente do venres á noite produciuse cando membros do PSOE, en xornada de reflexión, pegaban carteis por enriba das fotografías de Xosé Represas, “o que constitúe un delito electoral e obrigou a intervir á Garda Civil. Tanto Represas como Domínguez acudiron ao lugar onde os afiliados do PSOE foran descubertos e onde se atopaban os axentes da orde, que poden dar fe do acontecido”.

Non é a primeira infracción electoral dos socialistas, pois a Xunta Electoral Provincial obrigou ao PSOE no día de onte a retirar bandeirolas da N-120, considerando a actuación do PSOE unha “vulneración dos principios de transparencia, obxectividade do proceso electoral e do principio de igualdade”.