A Xustiza confirma as teses do BNG e Ponteareas pode recuperar os cobros indebidos das eléctricas

A Xustiza confirma as teses do BNG e Ponteareas pode recuperar os cobros indebidos das eléctricas

Esixiremos a Solla e PP o cumprimento do acordo plenario de xullo para o reintegro dos cobros abusivos desde 2009 como recoñece unha recente sentenza xudicial

RepresasGUnha sentenza xudicial, ditada recentemente por un xulgado de Ourense, ven de confirmar as teses defendidas polo BNG sobre os cobros indebidos das compañías eléctricas aos concellos. Esta resolución xudicial obriga ás compañías eléctricas que “inflaron” as facturas aos concellos con diversos conceptos dos que estaría exento o alumeado público nocturno, a devolver os importes facturados de máis desde 2009.

A resolución, segundo informa o candidato nacionalista á alcaldía de Ponteareas, Xosé Represas, coincide co que o BNG defendeu no Pleno do pasado mes de xullo para revisar a facturación eléctrica dos últimos cinco anos. A iniciativa, que recibira o respaldo de toda a Corporación, obrigaba ao goberno local do PP a interpor contra as empresas ás reclamacións polas facturacións indebidas. Outro dos acordos instaba a Xunta de Galiza a tomar as medidas necesarias para asesorar e amparar aos concellos nas súas lexítimas reclamacións.

Un informe do enxeñeiro municipal xa advertía en 2011 de facturas “infladas”

electricidadeOs nacionalistas lembran que un informe do enxeñeiro municipal xa advertía, en novembro de 2011, de posible sobrefacturación das compañías eléctricas nunha revisión de diversas facturas e xa recomendaba daquela, ao goberno local de Ponteareas, a presentar as correspondentes reclamacións. Entre os aspectos que “inflan” a facturación do subministro do alumeado público estarían os criterios de facturación aplicados polas compañías contrarios aos criterios oficiais, diferenzas nos prezos, facturación indebida da enerxía reactiva ou as diferenzas na facturación nocturna.

Represas anunciou que van realizar as xestións oportunas para esixir de Solla o cumprimento do acordo plenario. O goberno local do PP terá que dar conta da revisión das facturas de consumo eléctrico, importes a reclamar de cada ano e si se abriron expedientes de resolución de reintegro destes cobros abusivos. “Deste xeito axilizase a recuperación, para as arcas municipais, do diñeiro pagado indebidamente ás eléctricas”, manifestou o candidato do BNG.