O Xulgado condena ao Concello de Ponteareas a pagar 24.000 euros por impagos de combustible

O Xulgado condena ao Concello de Ponteareas a pagar 24.000 euros por impagos de combustible

O BNG, a través do Portavoz Municipal no Concello de Ponteareas, Xosé Represas, deu conta dunha resolución xudicial que condena novamente ao Concello a pagar a empresa TOP OIL, S.L. 23.951,24 euros, en concepto de intereses por impago de diversas facturas de subministro de carburantes para os vehículos e a maquinaria municipal.

O Xulgado do Contencioso-Administrativo nº.1 de Pontevedra xa condenara anteriormente ao Concello de Ponteareas ao pago de 95.454,64 euros a TOP OIL, por facturas impagadas a partir da demanda interposta pola empresa no ano 2009. Esta nova condena por intereses representa un recargo do 25% nos custes do combustible, “diñeiro que perderemos e non se destinará a atender necesidades básicas da cidadanía de Ponteareas”, afirmou Represas.

O portavoz do BNG, lembra que esta é só unha das ducias de condenas recibidas polo goberno local do PP no concello de Ponteareas nos últimos anos, polo impago de facturas de servizos e obras a empresas de todo tipo. “Esta desastrosa situación económica é consecuencia das décadas de gobernos do PP no Concello. O despilfarro e o descontrol no gasto realizado polo PP de Solla e Castro é de tal calibre que provocou a intervención do Ministerio de Facenda ao embargar o 50% dos ingresos que o Concello recibe do Estado para pagar as débedas atrasadas con provedores”

Xosé Represas engadiu que “a redución destas débedas históricas é consecuencia do seu pago polo embargo dos ingresos, e polas condenas xudiciais, e non por un plan de saneamento ou unha decisión do goberno do PP no Concello de pagar as débedas como pretender facer crer a concelleira de facenda, Belén Villar”.

Estamos ante un goberno do PP inútil que só está enredado en líos xudiciais

Os nacionalistas aseguran que estas condenas súmanse a outras reclamacións de funcionarios e persoal laboral, por reclamacións de empresas, etc., así como a situación xudicial de González Solla, imputado en varios casos polas súas decisións como Alcalde e da concelleira de facenda, Belén Villar, implicada na –operación Patos- que lle requisou o seu ordenador e o teléfono por orde xudicial. “Estamos diante dun goberno enredado só nos líos xudiciais pola súa xestión e as súas decisións, un goberno inútil que non fai nada polas prioridades de Ponteareas”, manifestou Xosé Represas.