Xosé Represas: “Está en xogo seguir avanzando cara adiante ou volver a un pasado que tanto dano fixo a Ponteareas”

Xosé Represas: “Está en xogo seguir avanzando cara adiante ou volver a un pasado que tanto dano fixo a Ponteareas”

Vostedes veñen advertindo que estas eleccións son cruciais. Non é un tópico?

Todas as eleccións son sempre cruciais, porque o resultado afecta á nosa vida como cidadáns. Pero é certo que estas eleccións son trascendentais para Ponteareas porque van marcar o futuro non de catro anos, senón de moitos máis. Non dá igual o que pase nin dá igual quen goberne a partires de xuño.

Que está en xogo o 26 de maio?

Nestes catro anos puxemos orde na terríbel herdanza que a dereita nos deixou logo de corenta anos, sacamos ao concello da bancarrota e o que temos agora en xogo é avanzar cara adiante ou que volvan os que tanto dano fixeron a Ponteareas. A xente ten que decidir se agora, que hai grandes recursos económicos no Concello, imos xestionalos nós con rigor, sentidiño e atendendo as prioridades ou se imos deixar os cartos en mans dos que malgastaron millóns e millóns e arruinaron ao Concello.

Cales son as alternativas?

Nas eleccións confróntanse dous modelos: o que represento eu e o BNG fronte ao que encarna a señora Villar e o Partido Popular. Nós representamos a transparencia, a honestidade e a igualdade fronte a corrupción, o amiguismo, o enchufismo e o caciqueo que forma parte do ADN da dereita. Somos garantía dun goberno unido e estábel fronte á inestabilidade e as pelexas internas da dereita ponteareá. Nós demostramos e seguiremos demostrando capacidade e eficacia na xestión dos cartos públicos, fronte á incompetencia e a incapacidade demostrada polo PP durante décadas. Aseguramos o control de cada euro para destinalo ao que é máis urxente e necesario para a xente fronte ao despilfarro dos cartos en ocurrencias. Nós encarnamos a planificación e o uso dos cartos públicos pensando ben antes en que gastalos, fronte aos que gobernan con improvisación e sen ideas.

Somos a mellor opción para gañar as eleccións. Por iso é crucial concentrar os votos no BNG

Que novidades ofrece a candidatura que lidera vostede?

Estou moi satisfeito porque logrei conformar un equipo de persoas preparadas, cualificadas, con experiencia profesional e política, unha representación do mellor que temos en Ponteareas: persoas novas, con preparación e con ganas de cambiar Ponteareas para ben de toda a cidadanía. Ofrezo un equipo competente e serio para xestionar con eficacia o Concello. É unha candidatura paritaria, comprometida coa igualdade real. Somos a única opción que pode gañar as eleccións á dereita. Por iso é fundamental concentrar todos os votos no BNG.

Que pensa das propostas do PP e da súa candidata?

Non me gusta falar das demais, frefiro falar do que eu quero facer. Os veciños xa saben o que fixo o PP durante décadas, a desfeita que deixaron e o que fixemos nós en só catro anos. O PP presenta como candidata a unha persoa que formou parte dos gobernos que levaron a Ponteareas ao desastre e que danou o prestixio do Concello cunha imaxe dun salto por unha xanela que deu a volta ao mundo. Se engadimos que estivo implicada nun caso de corrupción no que saíron á luz as súas conversas telefónicas interceptadas pola policía, que avergoñan a calquera persoa decente, creo que o PP non acertou coa decisión. Ponteareas merece que a dereita ofreza unha mellor alternativa.

Sacamos a Ponteareas da bancarrota e os que arruinaron o Concello queren volver para tirar o diñeiro en piscinas con tobogáns

 Que ofrece Represas a Ponteareas para os vindeiros anos?

Estamos satisfeitos co logrado nestes catro anos. É pouco se pensamos en todo o que queda por facer, pero é moito se lembramos como estaba Ponteareas hai catro anos. Os nosos compromisos para os vindeiros anos son serios e realizábeis e atenden as necesidades máis urxentes de Ponteareas. Nós atenderemos o que preocupa á xente. Outros, que arruinaron o Concello, pretenden gastar os cartos en piscinas con tobogáns ao aire libre. Está en xogo o noso  futuro: o voto da xente decide.