O BNG DESTACA A HONESTIDADE, HONRADEZ E SERIEDADE DEMOSTRADA POLO ALCALDE

Xosé Represas optará á reelección á alcaldía de Ponteareas polo BNG

Xosé Represas optará á reelección á alcaldía de Ponteareas polo BNG

O Alcalde de Ponteareas, Xosé Represas, anunciou a súa intención de revalidar o seu cargo nas vindeiras eleccións municipais do mes de maio tras obter o respaldo da militancia do BNG na localidade.

Nunha carta persoal remitida a todos os domicilios da localidade, o actual alcalde destaca que “foi unha honra ter servido estes catro anos á veciñanza de Ponteareas, desde a humildade e sen distincións” e expresa o seu desexo de “ser de novo merecedor da confianza dos que me apoiaron en 2015, pero tamén dos que confiaron noutros candidatos pensando no mellor para Ponteareas”.

Represas explica que tomou a decisión de presentarse á reelección “movido pola satisfacción do traballo feito e a ilusión polo moito que queda aínda por facer. Comprendo aos que están insatisfeitos porque agardaban máis. Eu tamén quería e quero máis para Ponteareas”.

O candidato amósase optimista e asegura que “tras poñer orde no desastre que atopamos hai catro anos e sanear o concello, agora virá o mellor. Temos por diante uns anos cheos de enormes posibilidades de avances e melloras para Ponteareas”. Represas advirte que “é moi importante non volver atrás e consolidar o cambio que iniciamos hai catro anos para continuar neste camiño”.

Pola súa parte, o BNG a través do seu Responsábel Local, Nemesio Boente, salientou que Xosé Represas trouxo estes catro anos ao Concello “a honestidade, a honradez, a seriedade e unha nova forma de facer política diferente da que coñecemos durante moitos anos, cando Ponteareas era coñecida pola corrupción e o amiguismo”. Para o Bloque, Represas é o artífice “dun goberno que foi exemplo de unidade, dando a Ponteareas a súa maior estabilidade das últimas décadas, deixando atrás os tempos de gobernos de conveniencia enredados en liortas internas por intereses persoais”.

Por último, Boente cualifica de “meritorio e extraordinario” o traballo do goberno presidido por Represas porque “a pesar de atopar un concello arruinado e en bancarrota, foi capaz de sanear a economía municipal, poñer fin ao despilfarro, apoiar economicamente a todos os sectores e colectivos sociais como nunca antes ocorrera, mellorar os servizos públicos e atender as necesidades prioritarias das e dos ponteareáns”.