Xosé Represas: “É o momento de poñer a Ponteareas por diante dos intereses políticos”

Xosé Represas: “É o momento de poñer a Ponteareas por diante dos intereses políticos”

Xosé Represas comunicoulle aos responsables de PSOE e ACIP a decisión tomada polos nacionalistas de apoiar a moción de censura. O candidato a Alcalde amosouse optimista e convencido de que a moción de censura se presentará en cuestión de días, xa que o acordo, tal e como afirmou o PSOE, está practicamente pechado e pendente do reparto de áreas.

O portavoz do BNG e candidato a Alcalde restou importancia ás críticas dos socialistas. “Eu quédome co verdadeiramente importante, que o PSOE aceptou publicamente un acordo con nós e cos independentes e comprometeuse a apoiar ao candidato do BNG a Alcalde. Hai dous anos non puido ser e agora si e iso é o que realmente lle importa aos veciños que en 2011 votaron por un cambio en Ponteareas”.

Represas advertiu que “eses veciños esperan que os tres partidos poñan a Ponteareas por diante de calquera interese político” e aclarou que non vai entrar en polémicas: “ninguén me escoitará críticas aos partidos que serán os nosos socios de goberno. Eu quero ser o Alcalde de todos e dun goberno unido porque non podemos defraudar á xente que nos pide e esixe ese cambio”.