Xosé Represas: "O BNG convocará as prazas cubertas a dedo polo PP"

Xosé Represas: "O BNG convocará as prazas cubertas a dedo polo PP"

Represas_candidato_plCon relación aos contratos de persoal da coñecida como “sentenza dos enchufados” do Concello de Ponteareas que a Fiscalía está investigando, o portavoz nacionalista, Xosé Represas, fixo público o compromiso do BNG de convocar todas as prazas cubertas a dedo no próximo goberno municipal que o BNG aspira a encabezar. O nacionalista lembrou que o Partido Popular e o alcalde Salvador González Solla, convocaron as prazas investigadas impedindo que os ponteareáns poidan acceder libremente a estas prazas. O PP e o alcalde pretenden que as prazas da “sentenza dos enchufados” queden definitivamente cubertas polas persoas que, sen probas de acceso e sen respectar a legalidade, conseguiron ditas prazas coas políticas de contratación a dedo do PP e de José Castro.

O BNG defende que as prazas se cubran convocándoas publicamente para que se poida presentar quen queira e que as contratacións se fagan acorde á capacidade e mérito que cada aspirante demostre, o que redundará nunha mellor administración.

Ponteareas ten nada menos que 3000 parados rexistrados no INEM. Moitas desas persoas poderían tentar conseguir algunha das prazas que o Concello ten que convocar por estar ocupadas ilegalmente, se se lle dese a oportunidade, pero Solla e Villar pretenden impedirllo.

A lóxica do PP é blindar ás persoas que ocuparon ilegalmente os postos de traballo

Nos últimos 4 anos, o goberno do PP no Concello de Ponteareas ten adoptado, en materia de persoal, decisións que son cando menos contraditorias entre sí. Por un lado ten aprobado 2 expedientes de despedido de 19 traballadores, en setembro de 2012 e decembro de 2013 e ao mesmo tempo ten convocado varias quendas de consolidación de persoal. Para os nacionalistas, aínda que contraditorias, “estas decisións obedecen a lóxica do Partido Popular para manter o seu tinglado de enchufismo e corrupción no Concello; blindar ás persoas que ocuparon ilegalmente os postos diante do escenario de perder o goberno municipal en maio de 2015”