Xosé Represas apela a “consolidar o cambio e non volver atrás”

"Puxemos orde no desastre, pagamos máis de 10 millóns de euros de débeda, adicamos recursos a crear emprego, enchemos Ponteareas de vida cultural, social e deportiva, e atendemos o ensino público como nunca antes se fixera" sinalou Represas

Xosé Represas apela a “consolidar o cambio e non volver atrás”

B46B1574Xosé Represas foi aclamado onte por centos de persoas como Alcalde na presentación da súa candidatura no Auditorio Reveriano Soutullo. Arroupado polo deputado Luís Bará, pola alcaldesa de Tomiño Sandra González e pola portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, Represas fixo un chamamento a “consolidar os cambios iniciados en Ponteareas e non volver aos tempos da corrupción, a bancarrota e o urbanismo salvaxe”.

O candidato salientou que “nestes tres anos puxemos orde no desastre que atopamos e sacamos ao Concello da bancarrota de maneira definitiva. Este ano por vez primeira dedicaremos os cartos a obras e servizos e nunca máis a pagar débedas históricas deixadas por outros en herdanza”. O actual alcalde anunciou a contratación e execución nos vindeiros meses de obras de humanización na vila por importe de varios millóns de euros “grazas a termos saneado o Concello”.

15. Q55A0703Tras lembrar que “pagamos 10 millóns de euros en débedas”, Represas sinalou que “neste mandato se acabou o despilfarro e apoiamos máis ca nunca a todos os colectivos culturais, deportivos, traídas de augas ou comerciantes. Adicamos recursos a crear emprego, démoslle a Ponteareas unha vida cultural, deportiva e social nunca antes vista e atendemos o ensino público como nunca antes se fixera”.

Represas contrapuxo “o goberno de unidade e sensatez que presidín estes anos” cos “gobernos de conveniencia e enfrontamentos” en referencia ás coalicións do PP e ACIP de mandatos anteriores, “que creaban problemas en lugar de resolvelos”. O candidato nacionalista salientou a “honestidade, honradez e transparencia representada polo meu goberno” fronte á “corrupción e o caciquismo” das últimas décadas.
11. Q55A0566O alcalde, que se definiu como unha persoa “positiva e optimista” sinalou que “nos vindeiros catro anos vén o mellor e poderemos dar o máximo de nós mesmos porque agora xa contamos cos recursos económicos necesarios para transformar e mellorar Ponteareas e as súas parroquias”.

Represas concluíu a súa intervención desexando “ser merecedor do apoio de todos vós, dos que me apoiastes hai catro anos e tamén dos que daquela confiastes noutras persoas pensando no mellor para Ponteareas”.

Ana Pontón: “Represas é a garantía de que Ponteareas siga avanzando”

07. Q55A0373Na súa intervención, a Portavoz Nacional do BNG, Ana Pontón, sinalou que “a chegada do BNG ao concello significou abrir un tempo novo para os veciños e veciñas que puxo punto final ao amiguismo, á corrupción e ao despilfarro. Abrimos un tempo novo para construír un Concello aberto e transparente onde calquera persoa pode petar á porta do alcalde que sabe será recibido cun sorriso”, salientou Pontón.

A dirixente do Bloque destacou a solvencia e honestidade de Represas na súa acción de goberno. “Ao longo destes catro anos vimos que había un alcalde con capacidade para liderar o concello, honesto, honrado, dialogante, próximo e capaz”, describiu, ao tempo que poñía en valor o traballo do equipo de goberno.

Intervención Ana“Hai que seguir avanzando, seguir construíndo un concello que defende a nosa identidade, un concello feminista, que pon no centro da súa acción as necesidades das persoas e que é capaz de mellorar a vida da veciñanza”, indicou Pontón. “Para seguir transformando Ponteareas en positivo, para que esta vía de aire fresco, democrático e de futuro que se abriu fai catro anos se ensanche. Para iso necesitamos un apoio masivo nas vindeiras eleccións municipais”, proclamou. “Un goberno liderado por Xosé Represas é garantía de que Ponteareas siga avanzando”, remachou Pontón