Valoración do BNG do Pleno do mes de outubro no Concello de Ponteareas

Valoración do BNG do Pleno do mes de outubro no Concello de Ponteareas

Grupo_pleno_outubroO BNG de Ponteareas valorou o Pleno do mes de outbro, asegurando que o PP “goberna a golpe de improvisación e co único obxectivo de ocupar o poder e impedir que no Pleno se traten os temas que realmente lle importan á cidadanía de Ponteareas”, afirmou o portavoz do BNG no concello de Ponteareas, Xosé Represas.

Antes do inicio do Pleno, no que estaban presentes persoas afectadas polos desafiuzamentos e membros da Plataforma de Afectados polas Hipotecas(PAH), o portavoz do BNG esixiu do Alcalde un compromiso concreto para convocar a Comisión Especial para atender os casos de Desafiuzamentos, lembrando que está solicitada pola PAH e polo propio BNG dende hai meses. Represas recriminou a Solla o boicot a esta comisión e o cumprimento das súas obrigas.

Neste goberno todo é pura improvisación!

Xose_RepresasXa na orde do día do Pleno, o portavoz do BNG criticou as sucesivas modificacións do orzamento por seguir co de 2010. Neste pleno o goberno presentou dúas modificacións, pola incapacidade do PP para elaborar unhas contas actualizadas. O portavoz do BNG afirmou que “neste goberno todo é pura improvisación”.

Os nacionalistas cualificaron de “chapuza” a proposta de pagar como “produtividade”, á policía local, o que lle corresponde cobrar como complemento salarial polo desempeño dos seus postos e polos turnos especiais de traballo.

Represas afirmou que todo isto ocorre por non ter orzamentos dende 2010; “se a Concelleira de Facenda tivese elaborado cando menos un só orzamento, o deste ano, esta situación podería terse evitado”

PP, ACIP e PSOE aproban a ordenanza de emerxencia social sen axudas para alimentación básica e material escolar ás familias máis necesitadas

Veronica_CarreraA concelleira do BNG, Verónica Carrera, defendeu no Pleno as alegacións dos nacionalistas á ordenanza reguladora das axudas de emerxencia social nas que se propoñía que se “incluísen axudas para alimentación, vestido e produtos de hixiene persoal básicos así como para libros de educación infantil e material escolar ás familias en risco de exclusión social”.

Verónica Carrera xustificou a proposta salientando que “a ordenanza aprobada por PP, ACIP e PSOE desvirtúa os obxectivos da propia ordenanza, sendo Ponteareas o único concello de máis de 20.000 habitantes que non atende estas necesidades básicas. Ningún Concello deixa fora da emerxencia social estas axudas”, remachou Verónica Carrera.

O BNG criticou que tanto o PP como PSOE e ACIP, tratasen de xustificar a súa postura con escusas de informes técnicos. “Non hai ningún impedimento legal para aprobar un texto como o de outros Concellos do País, textos que foron aprobados sen ningún reparo xurídico, económico nin de servizos Sociais”, manifestou a concelleira do BNG.

En opinión dos nacionalistas, estas axudas de pequena cuantía son de gran valor para as familias nunha situación máis precaria como consecuencia da crise. “É inaceptable que neguemos axudas para alimentos as familias e axudas escolares, mentres se malgasta o diñeiro de todos en propaganda e en manter o tinglado do PP no Concello”.

https://www.youtube.com/watch?v=f9CN7fHwnhc

O Pleno, a iniciativa do BNG, retira a proposta de adhesión á asociación “Terras Nobles” pola falta de concreción nos obxectivos e por deixar fora a varios concellos da comarca

Por outra parte, o BNG forzou a retirada da proposta do goberno local de adhesión á asociación “Terras Nobles”. A concelleira do BNG, Hortensia Bautista propuxo a retirada do asunto da orde do día pola falta de concreción nos obxectivos da asociación, e polos criterios de adhesión, ao darse a circunstancia de que o único que teñen en común é contar con gobernos do PP.

O concelleiro descoñece os criterios da proposta que presenta

O propio concelleiro de turismo, Andrés Sampedro, foi incapaz de aclarar os criterios, amosando unha falta de coñecemento do documento ao afirmar que entre os obxectivos estaba o camiño portugués a Santiago, o val do Tea e os camiños da Franqueira. Bautista criticou a inconsistencia da proposta e as clamorosas contradicións do Sr. Sampedro, pois quedarían fora o concello de O Covelo onde nace o Tea, o concello de A Cañiza onde está situado o santuario da Franqueira ademais dos concellos de Crecente, Arbo e Salceda que forman parte da comarca histórica e cultural do Condado. Sampedro, acabou manifestando que lle sorprendían varios puntos do articulado nos estatutos, chegando a recoñecer que non asistira as reunións fundacionais.

Hortensia_BautistaHortensia Bautista afirmou que se trata dunha proposta inconcreta na maioría dos seus artigos, algo que contrasta co artigo 25 onde se recolle a percepción de retibucións para os representantes que incluiría a alta no réxime de seguridade social. Os nacionalistas consideran que podemos estar diante dun novo “chiriguito” do PP, xa que ademais de  que todos os concellos promotores están gobernados polo PP, dáse a circunstancia de que para adquirir a condición de socio, é imprescindible o acordo unánime dos socios fundadores resultando chamativo que Salceda de Caselas quedase fóra mentres figuraban todos os do seu entorno.

O Pleno de Ponteareas rexeita a reforma da Lei Electoral

No pleno de Ponteareas deste martes tamén se debateu a reforma da Lei Electoral que propón o Partido Popular para elixir directamente aos Alcaldes e Alcaldesas. Esta cuestión afecta directamente a Ponteareas de cara ás Eleccóns Municipais de maio 2015. O Pleno rexeitou a moción do Partido Popular e aprobou as iniciativas presentadas por BNG e PSOE. Os nacionalistas lamentaron que os concelleiros do PSOE defenderan a circunscrición electoral provincial e a regra d´Hondt para negarse a apoiar estes dous apartados da moción do BNG.