Transparencia contra a corrupción e o enchufismo no Concello

Transparencia contra a corrupción e o enchufismo no Concello

luzconcelloO Candidato do BNG á Alcaldía de Ponteareas, Xosé Represas, asegurou que se é elixido o vindeiro mes de maio porá en marcha un paquete de medidas para acabar coa corrupción e o enchufismo no Concello. Represas citou algunhas destas medidas como a contratación pública e transparente do persoal do Concello, publicación de todos os contratos de obras e concesións ou a Oficina de Bo Goberno, garantindo unha resposta inmediata ás peticións da cidadanía.

É preciso realizar unha limpeza a fondo e baleirar o pozo negro da corrupción do PP no Concello

repartoPara divulgar este paquete de medidas, o BNG iniciou a distribución dunha publicación na que destacan 15 das propostas de transparencia e participación cidadá, “as primeira propostas do noso programa de goberno están centradas na participación veciñal e na transparencia porque é preciso realizar unha limpeza a fondo e baleirar o pozo negro de corrupción e enchufismo do PP no Concello”, afirmou o candidato do BNG.

Para os nacionalistas, "a transparencia non é só cousa de facer unha lei, a cidadanía ten que ter acceso a toda a información pública e coñecer como se toman as decisións dentro do Concello e as súas consecuencias. Un Concello transparente presenta as contas diante da veciñanza e facilita información do que está executando e das actuacións previstas durante os catro anos, información clara e fácil de entender para que a cidadanía poida controlar o que fai o goberno cos impostos que pagamos todos."

Facilitaremos a participación social nas decisións sobre os 55 millóns de euros dos orzamentos do Concello

Represas tamén asegurou que no caso de ser Alcalde creará o Consello municipal de asociacións para facilitar a participación social nas decisións sobre os 55 millóns de euros dos orzamentos do Concello, eliminará a adxudicación a dedo de obras e todos os contratos serán por concurso público aberto á participación de todas as empresas.

Os nacionalistas lembraron algúns dos casos de corrupción investigados pola xustiza e nos que está implicado o goberno do PP de Ponteareas: “Operación Patos”, no que a policía xudicial incautou documentación municipal, o teléfono móbil e o ordenador á concelleira de facenda, Belén Villar; a investigación da fiscalía do proceso de consolidación dos enchufados; a “Operación Pokemon”, na que figuran os agasallos recibidos polo alcalde Solla cunha viaxe en avión con hotel pago para 6 persoas e con entradas para ver un partido do Real Madrid; as imputacións xudiciais de Salvador González Solla polas obras da súa casa e outras decisións como alcalde.

transparencia