Solla e Valado marxinan ás persoas sen ingresos e con cargas familiares

Solla e Valado marxinan ás persoas sen ingresos e con cargas familiares

As entrevistas de cinco minutos, determinantes para contratar a 34 persoas, son paripés

Verónica Carrera, concelleira BNG

O BNG de Ponteareas acusa ao alcalde, Salvador González Solla e a concelleira de emprego, Marisol Valado, de marxinar ás persoas sen ingresos e con cargas familiares nos contratos para desempregados do Plan provincial de conservación e funcionamento de bens e servizos municipais. “O PP volve primar a discrecionalidade e o enchufismo con entrevistas de 5 minutos que son determinantes para contratar a 34 persoas”, afirmou Verónica Carrera, concelleira do BNG.

A concelleira nacionalista cualificou de irregular este proceso de selección polos criterios caciquís utilizados; unha entrevista de menos de 5 minutos que ten un valor de 2 puntos, a formación complementaria tamén 2 puntos, mentres que non ter ingresos só puntúa 0,50 e ter 4 familiares a cargo unicamente computa outros 0,50 puntos. “Estamos diante doutra crueldade do PP coas familias que están nunha situación máis precaria como consecuencia da crise económica”, remachou Carrera.

En febreiro volveu subir o paro en Ponteareas, que xa está en 3.061 persoas, 53 máis que en xaneiro

O BNG obrigará ao goberno do PP a dar explicacións sobre estes procesos de selección. “Solla e Valado terán que explicarlle ás familias que non teñen ingresos os motivos de porqué se priman outros criterios, non se valora a súa dramática situación e impiden que poidan ter unha mellor opción de inserción no mercado laboral”, afirmaron os nacionalistas, que fixeron referencia aos ponteareáns en paro aos que non se lles respecta a igualdade de oportunidades. Ademais, dende o BNG informan que nesta situación xa están 3.601 persoas logo de que o paro volvera subir en 53 persoas máis no mes de febreiro.