Solla suspende o Pleno mentres se debatía sobre a lei do aborto

Solla suspende o Pleno mentres se debatía sobre a lei do aborto

O Alcalde quixo impedir que os concelleiros e concelleiras do BNG mostrasen mensaxes con lemas en contra da lei do aborto do Partido Popular

aborto_pleno

O Pleno ordinario celebrado na noite do martes foi suspendido polo alcalde Salvador González Solla, cando se debatían dúas mocións presentadas por BNG e PSOE contra a reforma da lei do aborto. O Alcalde quixo impedir que os concelleiros e concelleiras do BNG mostrasen mensaxes con lemas contra a lei do aborto do PP.

A suspensión produciuse ante a negativa dos concelleiros e concelleiras nacionalistas a retirar as mensaxes que mostraban publicamente dende os seus escanos mentres se daba o debate. Unha protesta cívica e silenciosa, que non alteraba en nada a continuidade do Pleno, similar a outras que se teñen dado no Parlamento, no Congreso dos Deputados e noutros Plenos de Ponteareas non foi tolerada polo Alcalde, impedindo que se tratasen o resto dos temas da orde do día e a comparecencia da concelleira de emprego e do Alcalde.

Para os nacionalistas, Salvador González Solla amosou unha vez máis que diante da impotencia para dobregar a firmeza das concelleiras e concelleiros nacionalistas a expresar libremente o rexeitamento a este anteproxecto de lei, amosou o seu habitual talante intolerante e antidemocrático, froito do seu nerviosismo e falta de autoridade. Unha actitude agravada no día de onte pola tensión vivida durante a intervención da policía xudicial ao tempo que evitaba dar explicacións no Pleno sobre estas actuacións.

O Pleno pediu a dimisión de Ruiz-Gallardón pola nova lei do aborto e a reforma da planta xudicial

O Pleno, que rexeitou a reforma da planta xudicial que significaría a perda dos Xulgados de Ponteareas, aprobou, a proposta do BNG, pedir a dimisión de Ruiz-Gallardón por esta reforma e pola nova lei do aborto.

 

O Bloque de Ponteareas logra a aprobación da proposta de apoio ás persoas autónomas e pequenas empresas

Represas_plenoPor iniciativa do BNG, o Pleno de Ponteareas do pasado martes aprobou, co voto en contra do Partido Popular, demandar ao Goberno do Estado que aprobe as reformas lexislativas necesarias para promover unha reforma fiscal verdadeiramente progresiva, que grave ás grandes fortunas e grandes empresas, persiga a fraude fiscal e non incremente as cargas sobre as persoas autónomas e pequenas empresas.

A proposta nacionalista tamén insta á Xunta de Galiza a pór en práctica políticas activas de emprego en Galiza, como mellor mecanismo para garantir a sustentabilidade da Seguridade Social, con especial incidencia nas políticas sobre a mocidade e as mulleres, os segmentos máis vulnerábeis para a obtención de emprego. Neste sentido, o portavoz do BNG, Xosé Represas, destacou que a precarización dos novos contratos de traballo e a forte destrución de emprego en Galiza amosan o “fracaso da política económica de Feijóo”.

O BNG acusa ao PP local de ser cómplice na suba das cotizacións á seguridade social das persoas autónomas

O BNG acusa ao PP de Ponteareas de volver a posicionarse unha vez máis do lado do Goberno de Rajoy na súa ofensiva contra as maiorías socias, apoiando as novas medidas recadatorias postas en marcha que suporán a suba das cotizacións das persoas autónomas. “O PP terá que explicar a autónomos, comerciantes e pequenas empresas de Ponteareas a súa postura. A maior parte do comercio e do tecido empresarial de Ponteareas cotiza neste réxime á Seguridade Social, polo que será unha nova carga para moitos veciños e veciñas que están nesta situación”, afirmou o portavoz do BNG.

O Goberno do estado do PP vén de aprobar un considerábel incremento das cotizacións mínimas para as persoas autónomas e pequenas empresas. As implicacións desta suba serán a de dificultar a recuperación económica, mesmo contribuír a unha maior desaparición de pequenas empresas, mentres se limita a súa capacidade de xeración de emprego, principal problema económico na Galiza e en Ponteareas.