Solla e o PP deixaron enormes débedas e problemas coa empresa concesionaria do lixo en Ponteareas

Solla e o PP deixaron enormes débedas e problemas coa empresa concesionaria do lixo en Ponteareas

A portavoz do BNG no Concello de Ponteareas, Hortensia Bautista, arremeteu contra o PP e González Solla polas críticas vertidas contra o goberno local nas últimas semanas. Os populares esixiron ao alcalde Represas a aprobación do PXOM e dos presupostos e acusárono de non rebaixar o coste da recollida de lixo.

 A oposición que practica o PP e Solla é vergonzosa

Segundo Bautista “a oposición que practica o PP e Solla é vergonzosa. Non aprobaron ningún presuposto desde 2010, foron incapaces de aprobar o PXOM en once anos e teñen a caradura de esixir en seis meses ao actual goberno solucións a eses problemas creados pola súa incompetencia”.

A concelleira engadíu que o mesmo acontece coa recollida de lixo. “Entre 2007 e 2011 o PP e Solla non pagaron á empresa e crearon unha débeda de 3 millóns de euros, provocando varias sentencias que condearon ao concello a pagar máis de 300.000 euros só en concepto de intereses polo retraso no pago”. A edil nacionalista considera “un acto de cinismo que o PP se atreva agora a criticar a este goberno sobre este asunto”.

Grazas a boa xestión do goberno e do alcalde Represas logrouse paralizar a execución das sentenzas

grupo bng

Hortensia Bautista salientou que “grazas a boa xestión do actual goberno e do alcalde Xosé Represas, logrouse paralizar a execución das sentenzas, que do contrario asfixiarían ao concello afundíndoo na bancarrota na que quedou tras 40 anos de gobernos do Partido Popular”.

A portavoz do BNG afirmou que “co actual goberno pasamos da confrontación e dos xulgados a abrir unha nova etapa de boa relación e diálogo coa empresa” e acusou ao o PP de “non pensar nos cidadáns senón no seu propio interese político. O PP non disimula que o que desexa por interese partidista é que a concesionaria da recollida do lixo reclame o cumprimento das sentenzas e poñer ao concello nunha situación económica límite”.