Solla non fai nada para evitar a perda do Rexistro Civil de Ponteareas

Solla non fai nada para evitar a perda do Rexistro Civil de Ponteareas

O goberno de Rajoy quere deixar a Ponteareas sen Rexistro Civil unha vez que pasen as eleccións municipais

Ponteareas perderá o Rexistro Civil a partir do 15 de xullo, unha vez que entre en vigor a reforma legal aprobada polo goberno do PP que preside Mariano Rajoy.

Represas_candidato_2O BNG de Ponteareas acusa ao Alcalde, Salvador González Solla, de non facer absolutamente nada e aplaudir as decisións do goberno de Rajoy que prexudican gravemente a Ponteareas. “Solla, en lugar de actuar como alcalde e defender os intereses dos ponteareáns, pon por diante os seus intereses persoais e de partido, cala, tolera e acepta medidas que degradan a Ponteareas”, manifestou Xosé Represas, portavoz e candidato do BNG á alcaldía.

Represas lembrou a advertencia do BNG cando se presentou esta reforma. “Traslada as competencias do Rexistro Civil aos Rexistradores Mercantís e da propiedade, privatizando os tramites de rexistros de matrimonios, defuncións, nacementos, ou peticións de nacionalidade”, afirmou o portavoz do BNG.

Ponteareas non pode perder máis servizos. Pedremos o apoio do Pleno para rexeitar esta medida

“Ponteareas non pode perder máis servizos, é algo que dende a alcaldía non se pode consentir, con cada servizo que se perde, perdemos toda a cidadanía e perdemos tamén como centro comarcal e comercial”, indicaron os nacionalistas, que pedirán o apoio de toda a Corporación, no pleno de abril, para rexeitar esta medida do goberno do PP que privatiza o rexistro civil de Ponteareas.

Co Decreto de Rajoy, o Rexistro Civil pasa a ser unha competencia dos rexistradores que teñan ao seu cargo oficinas do Rexistro Mercantil. Dese xeito, un servizo até o de agora gratuíto acabará converténdose con case total seguranza en de pago obrigado. A este respecto, cómpre subliñar que o obxectivo do PP no seu modelo de servizos públicos privatizador é que as persoas usuarias sexan as que custeen o servizo, como xa foi introducindo na sanidade ou nos servizos sociais.