Solla é covarde e impide debater a perda de subvencións do CIM e a reprobación da concelleira

Solla é covarde e impide debater a perda de subvencións do CIM e a reprobación da concelleira

Xosé Represas, Portavoz BNG

No pleno celebrado este martes en Ponteareas, puido constatarse unha vez máis a nulidade e inoperancia do goberno do PP. “A única preocupación de Solla é cobrar a fin de mes, impedir dar contas da xestión do seu goberno como a perda de axudas e o debate no Pleno das cuestións prioritarias para Ponteareas como o Plan Urbanístico” manifestou o portavoz do BNG, Xosé Represas.

Salvador G. Solla decidiu suspender o Pleno xusto no momento no que se ía a debater a moción do BNG sobre a perda de subvencións para o Centro de Información á Muller -CIM- no que o goberno do PP tiña que dar explicacións pola perda de diversas axudas para o CIM, para a promoción da igualdade entre homes e mulleres, a prevención e tratamento integral da violencia de xénero e o programa de fomento da conciliación familiar.

Solla é covarde, e o PP é inútil para Ponteareas

A suspensión do pleno, antes de tempo, provocou duras críticas do BNG, que acusou a Solla de “covarde” e ao PP de goberno inútil para Ponteareas. Coa suspensión do pleno, o Alcalde evitou a reprobación da Concelleira de Servizos Sociais, Rosa Carrera, pola súa incapacidade política para xestionar unha área socialmente prioritaria e sensible como a das políticas da muller.

Antes, no punto da revisión das taxas de auga e saneamento, o portavoz do BNG, Xosé Represas, acusou ao goberno do PP de impedir a aprobación de medidas a favor das familias con ingresos inferiores ao salario mínimo. Represas lembrou a iniciativa do BNG para rebaixar nun 50% as taxas de auga e saneamento ás familias con escasos ingresos.

   O Pleno de Ponteareas constata a nulidade do PP no goberno local

O PP empéñase en demostrar que está incapacitado para xestionar o Concello e que goberna a golpe de improvisación e sen planificación algunha en materia económica. O BNG critica que cada mes realice varias modificacións para remendar as contas ao ser incapaz de presentar un só orzamento dende 2010.

O goberno do PP, apurado para intentar cadrar as contas antes de que remate o ano, volveu a “parchear” os orzamentos; presentou outros dous recoñecementos extraxudiciais de crédito de facturas que non figuraban na contabilidade, diñeiro gastado no seu día por enriba das contas de cada ano. O goberno do PP gardou “no caixón” esas facturas sen contabilizar.