Resumo do Pleno Municipal do mes de xuño en Ponteareas

Resumo do Pleno Municipal do mes de xuño en Ponteareas

Por iniciativa do BNG o Pleno crea unha Comisión de traballo para consensuar as medidas de apoio ao comercio localportavoz_pleno

O portavoz do BNG no concello de Ponteareas, Xosé Represas, defendeu no Pleno deste martes, a iniciativa dos nacionalistas para a creación dunha Comisión de traballo para consensuar, con todos os Grupos da Corporación e a participación de todas as asociacións de comercio e hostalería, un plan para reactivar a actividade comercial en Ponteareas.

Os nacionalistas obrigaron ao Alcalde a debater e votar esta iniciativa, despois de que este se negara a incluír a proposta na orde do día, finalmente a moción foi aprobada por todos os grupos e a Comisión terá que constituírse no prazo de 10 días para iniciar os traballos.

Para o portavoz do BNG, “a comisión estudará as diferentes propostas que presente cada Grupo e cada asociación para consensuar un paquete de medidas de apoio ao pequeno comercio, hostalería e autónomos”. Represas adiantou que levará á Comisión de traballo, entre outras propostas, a creación dun “BONO COMERCIO”.

Tamén foi aprobada por unanimidade a modificación da Ordenanza de Venda Ambulante. O portavoz do BNG lembrou no Pleno o grave erro cometido en 2008 por PP, PSOE e independentes(UCPA) cando aprobaron a ordenanza que provocou que os mercados deixasen de ser días nos que milleiros de persoas acudían ao centro da vila, facendo tamén as súas compras no comercio local.Represas_Solla

Neste apartado, os nacionalistas solicitaron que se sometera a votación unha proposta de resolución, trasladada a todos os grupos da Corporación por parte da Asociación de Comerciantes de Ponteareas, para que se respectara a igualdade de condicións para todos os comerciantes de Ponteareas interesados en participar na Feira de Oportunidades prevista para os días 9 e 10 de agosto. O PP manifestouse en contra e impediu que se votase esta petición.

O PP négase a manter no verán o comedor para o alumnado en risco de exclusión social

Tensia_BautistaOutro dos puntos destacados polo BNG é o relativo ao comedor nos meses de verán para o alumnado en risco de exclusión social. O PP manifestouse en contra de manter durante as vacacións o comedor escolar para as familias cunha situación económica máis precaria. O Alcalde impediu que se sometera a votación a iniciativa do Bloque para que non se cortase este servizo a partir da vindeira semana e que o Concello asumise o servizo para as familias en situación de emerxencia social. En contra de toda lóxica, como lle lembrou Hortensia Bautista, concelleira do BNG que defendeu a moción, Solla como alcalde dun goberno miserable mutilou a proposta e só someteu a votación “instar á Xunta a colaborar co Concello na prestación deste servizo”.

Solla non identificou ás 5 persoas que con el se beneficiaron do pago de avión, hotel e entradas para ver un partido do Real Madrid en abril de 2012, por regalo de Aquagest

Tanto na Comisión Informativa celebrada hai uns días a instancia do BNG, como no Pleno deste martes, o alcalde, Salvador González Solla, negouse a dar explicacións sobre os agasallos recibidos de Aquagest. Solla non identificou ás 5 persoas que con el se beneficiaron do pago de avión, hotel e entradas para ver o partido do Real Madrid-Valencia o 8 de abril de 2012, segundo o sumario da operación Pokemon. Solla non negou que houbera ese agasallo pero non dixo nin palabra de se as persoas beneficiarias eran concelleiras do PP ou familiares seus.