Represas fai públicos os primeiros once postos da candidatura do BNG

O alcalde salienta a paridade de xénero, a cualificación profesional e académica e a experiencia política e social do futuro equipo de goberno

Represas fai públicos os primeiros once postos da candidatura do BNG

O candidato á alcaldía de Ponteareas polo BNG, Xosé Represas, fixo pública a relación dos once primeiros postos da candidatura ás eleccións municipais. Ademais do propio Represas que a encabeza, e do segundo e terceiro posto ocupados pola actual edil de Educación, Cristina Fernández, e polo avogado Roberto Mera, a lista continua con Verónica Carrera (Pías) diplomada en educación social e actual concelleira de Benestar Social no goberno local.

No quinto posto figura Fernando Groba (Santiago de Oliveira), licenciado en filoloxía e profesor de educación secundaria. O sexto lugar está ocupado por Eva Gil (Canedo), licenciada en xeografía e máster en desenvolvemento local e políticas comunitarias, é directora de proxectos no GDR que xestiona o Leader da Mancomunidade de Vigo e Baixo Miño. No sétimo posto atópase Miguel Bouzó (Ponteareas), membro da Dirección Nacional de Galiza Nova e vicerresponsábel do BNG en Ponteareas. A oitava posición é para Rosa Covelo (Ponteareas), licenciada en bioloxía e técnica de medioambiente. Ocupa o noveno posto Xosé Manuel Vidal (Guillade) diplomado en maxisterio e doutor en pedagoxía, xefe de departamento de orientación en varios centros de infantil e primaria e secretario da comunidade de montes de Guillade. No décimo lugar figura Nahír Covelo, licenciada en veterinaria e titular dunha clínica en Ponteareas. Por último, o undécimo posto está ocupado por Marcos Groba (Santiago de Oliveira) enxeñeiro de minas e xefe de obras en grandes infraestruturas de comunicacións, ademais de atleta do Taninos Runners.

Represas salientou que a candidatura está conformada “por persoas de elevada cualificación profesional e académica, combinada coa experiencia política e de goberno de persoas como Cristina Fernández, Roberto Mera ou Verónica Carrera, o que supón unha garantía de eficacia, competencia e capacidade de xestión no futuro goberno local”.

O actual alcalde sinalou que “a nosa candidatura é un compromiso absoluto coa igualdade de xénero, ao estar conformada en cremalleira, alternando homes e mulleres de principio a fin”. Represas tamén salientou a renovación que supón a candidatura, pois entre os once primeiros, seis candidatos e candidatas participan por vez primeira nunha lista do BNG.