Represas cualifica aos seus edís coma “o mellor equipo que nunca antes tivo Ponteareas”

Represas cualifica aos seus edís coma “o mellor equipo que nunca antes tivo Ponteareas”

O Alcalde, Xosé Represas, e as concelleiras e concelleiros do BNG celebraron a súa primeira reunión de traballo, na que analizaron o novo escenario político aberto tralas eleccións do domingo 26, que converteron aos nacionalistas na primeira forza política con nove edís.

No encontro quedou configurado o grupo municipal do BNG, formado por cinco mulleres e catro homes: Xosé Represas, Cristina Fernández, Roberto Mera, Verónica Carrera, Fernando Groba, Eva Gil, Miguel Bouzó, Rosa Covelo e Nahir Covelo.

Segundo explicou Xosé Represas, “todas as concelleiras e concelleiros do BNG asumirán responsabilidades no futuro goberno local. Agora, con nove representantes, catro máis que no anterior mandato, poderemos repartir máis as responsabilidades e traballar con moita máis eficacia”. O Alcalde salientou que os seus concelleiros e concelleiras “conforman o mellor equipo que nunca antes tivo Ponteareas para gobernar, persoas honestas, preparadas e ilusionadas ante o reto de transformar Ponteareas nos vindeiros catro anos”.

Dos nove concelleiros e concelleiras, cinco xa contan con experiencia municipal mentres que outros catro acceden por vez primeira á corporación e ao goberno local.